Posts Tagged «territorio»

Xa anteriormente nas páxinas deste blog toquei o tema do AVE e da sorprendente falta de crítica en Galiza, cando menos nos medios de masas e nos 3 partidos maioritarios. Agradécese xa que logo a interesante análise que trae o último número da revista Tempos Novos (que por fin ten unha versión online como era preciso: parabéns!:

Desque se chantara sobre o mapa galego, en 1995, o trazado dun tren de alta velocidade, a rémora adoitou ser a de cando levalo, á fin, do papel ao territorio. Ao contrario, agora xurde a ameaza de que se cumpra o tan arelado AVE. Coa chegada do novo camiño de ferro, o un polas outras, desaparecerán cincuenta e sete estacións e outro medio cento ficarán en estudo. Sálvanse as de grandes cidades, malia marxinarse seriamente Lugo, e as das localidades que serven de elo, coma Monforte, Tui ou Betanzos. Nin entre Madrid e Sevilla, nin entre Córdoba e Málaga, nin no percorrido Madrid-Zaragoza-Barcelona, o AVE supuxo a desfeita das liñas anteriores de media distancia. Cuxo billete custa, ademais, dúas ou tres veces menos. Se o tren de alta velocidade engule a xa precaria rede ferroviaria de Galiza, sería solución ou máis ben problema? O proxecto do AVE aumenta as eivas de conexión interna do territorio?

(A negriña é miña. Por certo, coido que queren dicir que o billete custa 2 ou 3 veces… máis.)

Como ordearmos o territorio sacrificando o medio de trasporte tanto de pasaxeiros como de mercadorías máis sustentable que temos? Esta á unha máis das contradicións dunha Xunta que semella máis preocupada en salvar os intereses dunhas elites e dunhas empresas -as da construción- que en realizar un troco de modelo de sociedade cara á sustentabilidade.

Como comentaba nun texto anterior, a Xunta presenta rufa estes días o seu Plano de Ordenación do Territorio. A sensación diante del é de escepticismo; de esperanza e de temor.

Esperanza de que se aproveite para dinamizar as vilas como centros de actividade rural, seguindo a teoría do lugar central, da que xa falei anteriormente neste blog, porque é o que precisa un área en transición cara á falta de petróleo.

Temor a que primen os criterios desenvolvistas (“O territorio é o espazo para o desenvolvemento do individuo, para o desenvolvemento da sociedade e para o desenvolvemento da economía”), de concentración de recursos, poboación e infraestrutura nas grandes áreas urbanas, é dicir, nas menos sostibles nun futuro de escaseza enerxética e de mobilidade reducida.

(more…)

Hoxe que os medios nos venden a boa (??) nova do plano de ordeación do territorio en Galiza, quero lembrar desas mobilizacións que aínda hai pouco loitaban contra o peche de escolas no rural lugués, e deixar aquí a reflexión de Serge Latouche no seu libro “La apuesta por el decrecimiento” hai pouco publicado por Icaria:

Suprimir una escuela rural, una estación ferroviaria secundaria, un ambulatorio médico rural o una oficina de correos en una aldea rural en nombre del desarrollo, de la modernización o de la racionalidad (…) es contribuir a la muerte de lo local y sabotear los esfuerzos de los que resisten y luchan por volver a dar un sentido a esos lugares.

Que inconsecuencia! Que traxedia ir matando pouco a pouco o rural cando o imos precisar máis ca nunca, pola necesaria volta ao local, ao desenvolvemento autocentrado, ás vilas e aldeas vivas e produtivas!

Que ordeen o territorio, si, para evitar atropelos, pero que o fagan coa ollada posta nunha revitalización rural e non na primacía dunhas cidades que están condenadas sen o agro que as alimente.