Proposta de bandeira para unha Galiza Sustentable
Escrito por: admin en Cultura, En galego, tags: bandeiras, celtismo, creación gráfica, deseño gráfico, ecoloxía, galiza, revolución, sustentabilidade, trisquelXa había tempo que o meu vexilófilo maxín tentaba atopar un uso do noso representativo trisquel para representar a necesaria viraxe social e cultural que o noso país (e todo o planeta) precisa para saír deste cul-de-sac civilizatorio e dar comezo á nova Era da Sustentabilidade.
Para min o trisquel é un símbolo nacional infrautilizado polos galegos. Así como os vascos teñen o seu símbolo no lauburu (literalmente catro cabezas, ou sexa, tetrasquel), nós temos un fermoso símbolo céltico que non damos aproveitado en todo o seu potencial.
José Manuel Barbosa no seu interesante libro Bandeiras da Galiza si que fai unha defensa del e o presenta entre os primeiros e máis antigos símbolos usados no país.
Eu propoño rescatar o seu significado nacional e étnico, recollendo o seu simbolismo ancestral dos ciclos naturais, do circular do sol polo firmamento, para facelo o centro dunha bandeira que represente a recuperación dese urxente re-conectármonos cos ciclos ecolóxicos: o ciclo da enerxía, da materia, etc.
Elixo a cor azul para ligar coa bandeira actual e sobre todo para representar a auga. O trisquel azul significaría así nesta nova bandeira, a reconexión humana cos ciclos da vida, representados pola auga. Mesmo as súas tres partes poderían ser os tres estados do H2O: líquido, sólido e gaseoso. Este simbolismo e a connotación solar do trisquel, pretendinos reforzar insertándoo dentro dun sol amarelo.
Os ciclos limitados polo sol, circunscritos, simbolizan o recoñecemento dos límites naturais, e o paso dun paradigma de crecemento infinito fóra da realidade do planeta, a un modelo sincronizado coa única fonte de enerxía e vida primaria da que dispón a nosa especie de maneira renovable, sustentable: a estrela solar. Tamén simbolizan que toda enerxía natural (eólica, hidráulica, maremotriz) procede da nosa estrela… mesmo en último termo a xeotérmica.
As cores no fondo simbolizan esa terra fértil, negra, orgánica, chea de humus, característica de Galiza (cando menos das súas fragas), onde se soporta toda a vida vexetal, animal e humana. O complemento necesario en simbiose con ese tesouro tan minusvalorado como é a terra fértil, é a vexetación (o verde) da que nos alimentamos os demais seres vivos. A interface mineral-biótica é así o fondo da bandeira proposta.
Sen máis, unha plasmación gráfica da revolución urxente que precisamos. Se alguén quere empregala para simbolizar esta loita, por suposto é libre de facelo.




Entradas (RSS)