Posts Tagged «fición»
Escrito por: admin en Cultura, En galego, Literatura, Política, Social, tags: agricultura, anticipación, campo, cénit do petróleo, fición, futuro, galiza, guerra, independencia, nacionalismo, novela, rural
Seguindo coa miña serie de posts acerca das posibles visións que do futuro que posiblemente nos agarda, nos dá esta obra de Darío Xohán Cabana, velaquí novos extractos:
- (…) Tivemos sorte, dentro da calamidade. Polo menos aínda había unha consciencia da terra… No fondo, eramos aínda unha nación campesiña. O campesiño agárrase á terra e aguanta.
(…) para defendermos a raia do Leste. Por aquí polo norte non sabedes ben o que é eso, gracias a esas montañas de poucos camiños. Pero pola meseta, con aquelas fronteiras abertas, e aqueles bárbaros furándoas á procura do botín…
(…)
O seu era pura pillaxe, pura barbarie. Marchaban de súpeto contra unha aldea, collían o que podían levar, e o resto queimábano. Mataban por gusto, coma quen di. Eran unha forza fragmentada, imprevisible, cada grupo de orixes diversas, e nós non a dariamos esmagada, aínda que puidésemos facer expedicións de castigo, que non podiamos, porque estaban estrados de máis. E esas algaras de pequenos bandos, de cincuenta ou de cen, podíanchas facer de calquera maneira, en camionetas ou a cabalo. ¿Quen lles podía atallar? Eran demasiados, imprevisibles, cada un polo seu lado. Estaban aniquilando as Castelas, e nós non tiñamos moita maneira de privarlles de entrar ó noso. E cada vez tiñan máis gana de vir, porque na nosa Terra había cada vez máis que roubar…
(…)
E xaora, ós bandidos non lles quedou máis remedio ca conformarse ó outro lado da fronteira. (…) Ó perderen as chaves do noso celeiro, axiña empezaron a comprender que o asasinato e a depredación pura e simple diminuía os seus recursos dun xeito perigoso. Onde non hai, non se pode roubar. Primeiro organizaron racionalmente os espolios, e logo acabaron organizando tamén a producción, ás veces non mal de todo. Os xefes de bandos convertéronse en pequenos señores, e empezaron a gardarse moi ben de mataren por gusto. (…)
Pero sen carburante, seguramente o proceso non serían tan rápido, e aínda hoxe habería varios centos de pequenos señoríos anárquicos. Fóronche os automóbiles os que aceleraron a súa evolución. Por acordos de comenencia ou por guerras de conquista, a dirixencia foi adquirindo o seu novo carácter feudal, e os señoríos fóronse xerarquizando e unificando na práctica.
2 Comentarios »
Escrito por: admin en Cultura, En galego, Literatura, Política, Social, tags: agricultura, anticipación, campo, cénit do petróleo, fición, futuro, galiza, guerra, independencia, nacionalismo, novela, rural
Continúo cos extractos de O cervo na torre, de D.X. Cabana:
- (…) ¿Xa estaba feita a concentración parcelaria?
- Que había de estar… Tivémola que facer nosoutros despois, e non crea que se logrou sen protestas, porque de camiño quixéronse amañar outras cousas. A igualdade… Os labradores tampouco non lle eran todos iguais. Nosoutros mesmos fomos caseiros toda a vida (…) Eu daquela pensaba que a casa morría comigo, e agora xa ve… Pero un caseiro aínda menos mal, cando o lugar era bon e o sabía traballar. O peor éranlle os que non tiñan máis ca un caseto, que lles chamaban por aquí camareiros. E mentres tanto, había outras casas que ó quedar sen máquinas non daban traballado o que tiñan. O caso é que cando o frío foi cedendo, acordouse arranxar a un tempo dous problemas, o tempo que se perdía polos camiños de lisca en lisca, e mais a desigualdade entre nós. (…)
(…)
Pois entón fíxose un proxecto dun circundo dunhas tres fanegas pra cada casa, e as agras dividíronse en tenzas máis ou menos por un igual, segundo o que se podía traballar. ¡Moito berraron os pobres dos ricos! Pero a maioría ben viu as vantaxes. Con todo, pra evitar interquinencias entre veciños, dixemos que a propiedade non perecía, que só se trataba dun usufructo en precario durante equis tempo, mentres as cousas fosen así, e nin sequera fixemos papeis. Pero conforme pasaban os anos, os vellos derregos fóronse arando, e agora xa poucos se acordan de marcos e de escrituras. E cando algúns se acorden, a posesión xa vale ben máis cós títulos vellos. De porparte, os rexistros da propiedade non se puideron custodiar como era debido, e houbo algúns incendios moi oportunos, accidentes moi lamentables… A terra sobrante, que en Outeiro foi máis ou menos a metade, aínda que non toda da mellor, xaora, quedou en fundo común pra administralo a parroquia, ou pra dotar as casas novas que se fixeran co tempo. Ó primeiro, fóra do monte baixo pra estrume e leña, o comunal pouca falla facía, pois houbera que matar moito gando por falta de con que o manter. Pero segundo aumentaba outra vez, foise poñendo a prado grande parte, sen repartilo… Nestes medios empezaron a circular os asinados tamén por aquí, e a herba de corta hai que pagala. Eso é de momento o que temos pró gasto público, pero non é só por eso, senón porque pagando a herba parece que se consolida a idea da propiedade social. Noutros sitios plantamos carballos, ou castiñeiros, ou o que cadrase mellor, que tamén son de todos. Cerca de aquí, que xa había algúns vellos nunhas rozas cativas, témoslle unha carballeiriña dunhas cincuenta fanegas que está medrando moito ben. Despois ha de a ver. E por certo, seique estes días anda por aquelas partes un cervo grandísimo. Agora haille moitos cervos tamén por acó, pero coma aquel disque nunca ningún se vira… O primeiro reparto fíxose en Outeiro do Lago, pero despois a igualdade estendeuse por todas estas partes, estivera ou non feita a concentración parcelaria. Ó principio as cousas foron a modo, e houbo os seus máis e os seus menos, pero despois xa todo marchou ben, gracias ós mestres novoso. Polas Terras Altas xa vería que é diferente. Como case ficaran sen poboación, a xente da cidade asentouse nas terras baleiras sen esa cisma da propiedade privada, e trabállase en cooperativas. Tamén axudou que, como non sabían, tiveron que depender dos equipos técnicos que organizou… que foron pra aló, sobre todo péritos agrícolas da escola que había en Lugo, rapaces moi bos e intelixentes. Por acó non nos atrevemos a tanto, porque nesas cousas haille que andar sempre con prudencia, non sexa que por moito correr se vaia pra atrás. Pero se un día se volve usar maquinaria, que é cando máis interesa, eu creo que esto tamén está bastante de xeito pra que todo se poña xunto, agás os circundos das casas, xaora. E se algún non quere avirse a razóns, que siga labrando coas vacas ou co que teña. Deixalo estar eso si, pero se é pola miña idea gasoi non debe lamber unha gota.
No Hay Comentarios »
Escrito por: admin en Cultura, En galego, Literatura, Política, Social, tags: agricultura, anticipación, campo, cénit do petróleo, fición, futuro, galiza, guerra, independencia, nacionalismo, novela, rural
Comecei ler a novela gañadora do Premio Xerais no 1994, O cervo na torre, de Darío Xohán Cabana, coa cuestion do cénit do petróleo en mente e tentando albiscar o posible futuro do noso país nesta novela ¿de anticipación? Velaquí comezo algúns extractos que me parecen especialmente interesantes desde ese punto de vista:
Cando eu era pícaro, e xa de grandiño, mallábase o pan a malle. Despois chegaron a degraedoras, e aqueles motores grandísimos de gasolina, montados en rodas (…). Despois empezaron a vir os tractores con tomada de forza, e as degraedoras tamén melloraron. Xa botaban o trigo limpo prós sacos, e unha malla facíase coa metade de xente. E logo, non moitos anos antes daquelo, xa había máquinas que segaban, mallaba, limpaban e empacaban a palla de camiño, todo nas chousas, sen necesidade de traer o trigo prá aira… Outonábase xa sen sucar, eso os que outonaban, que moitos xa non pensaban máis ca nas vacas de leite. Ata as airas se deixaron a campo… E logo acabouse todo, e menos mal que o leite fracasara e se volvera botar bastante pan. Cando se colleu de novo, houbo que volver ós malles, que xa poucos os sabían facer. Os vellos tivemos que aprenderlles ós novos… O que lle quero dicir é que da outra vez o malle debeuse empregar dous mil anos ou máis, sen cambio ningún, e agora xa ve…
Coido que describe moi ben o que pode ser unha involución na tecnoloxía agrícola no noso país cando o combustible estea polas nubes ou simplemente non estea dispoñible. Pero matino eu… e daquela xa nos quedará quen saiba facer a malla á antiga maneira? 
1 Comentario »
|