Posts Tagged «cénit do petróleo»

Gail TverbergGail Tverberg é unha prestixiosa analista da cuestión do Teito do petróleo. Foi editora do web de referencia sobre a materia, The Oil Drum, e actualmente publica as súas reflexións e análises no seu propio blog, Our Finite World. Tverberg estivo hai pouco en Aragón, nun congreso internacional organizado pola UNED acerca do tema do peakoil, e no web do congreso está dispoñible a súa ponencia (e o PDF presentado) e mais unha breve pero interesante entrevista.

Os textos de Tverberg acerca da interrelación do Teito do petróleo coa economía, a sociedade, o emprego… sempre me pareceron moi rigorosos e ben explicados. Por iso me mereceu tanta atención un recente post dela no que fala das posibles saídas á situación de débeda que afrontan diversos países, con Grecia sendo hoxe o epicentro desta serie de convulsións económicas e políticas. O texto títulase Como pode un goberno amañar o seu problema coa débeda, e nel, tras facer un repaso das habituais solucións ensaiadas neste tipo de casos (inundar de cartos a economía nacional provocando inflación; programas de recurtes e/ou suba de impostos; reestruturación da débeda), menciona unha saída vencellada coa cuestión do peakoil e da que moi pouco se fala pero que xa ten precedentes históricos recentes e que coido debería facernos reflexionar nas nacións sen Estado.

Tverberg denomina a esta vía de resolución “do a disappearing act”, que poderíamos traducir libremente como facer mutis polo foro. Basicamente consiste en que o goberno que ten a débeda desaparece, e pode que outro novo o reemprace ou pode que non, cunha guerra ou revolución de por medio ou non. Se a débeda era un problema demasiado grave o novo goberno podería non facerse cargo das obrigas do goberno anterior. O exemplo máis coñecido deste tipo de saída foi a URSS, pero tambén sería o caso da separación de Checoslovaquia e da desintegración de Yugoslavia.

Tverberg lémbranos —como moitos outros especialistas no Teito do petróleo e como recollen estudosos do colapso das civilizacións ao longo da Historia como Joseph Tainter— que en situacións de colapso enerxético, manter territorios extensos requere máis enerxía da que un aparato estatal centralizado pode gastar, e que como consecuencia a descentralización remata en procesos de secesión, disgregación e independencia. En paralelo, se a enerxía escasea, o seu custo sube e resulta máis difícil recadar impostos porque a economía entra en recesión: xa que logo, os problemas da débeda soberana agrávanse, as solución habituais non funcionan e os Estados diríxense cara a bancarrota. Tverbeg explícanos como os servizos públicos, dependentes dun crecemento continuado da economía que forneza recursos ao Estado por vía fiscal, corren o perigo de deteriorarse gravemente ou mesmo desaparecer nunha situación así.

Desmembramento dos USA segundo Frank Miller (Give me Liberty, 1990)Ao final, cóntanos a analista estadounidense, a solución máis doada e efectiva resulta ser rendirse: os gobernos botan a toalla e por vía dunha revolución, guerra civil ou unha refundación do Estado, un novo goberno faise cargo e comeza de cero. Nos casos da URSS, Checoslovaquia e Yugoslavia, non houbo goberno que retomase o poder, pois houbo un desmembramento nas repúblicas ou rexións que constituían eses Estados. Tverberg considera que na actualidade ese tipo de saída resulta posible en diversos lugares, comezando por unha posible ruptura da Unión Europea, e mesmo os Estados Unidos ou Canadá, coas súas particularidades, poderían sufrir procesos de ruptura en diversas novas entidades estatais. Coida a autora que mesmo a nivel intraestatal poderían darse alí secesións, como por exemplo dentro de estados con gravísimo problemas de débeda como California ou Illinois, que se verían separados en diversas federacións de condados. Por suposto, remata Tverberg, os múltiples estados que no mundo están configurados actualmente por diversos grupos nacionais, etnias, relixións, etc. poderían sufrir análogos procesos, rachando por estas liñas de tensión diante das situacións irresolubles de débeda e de escaseza enerxética.

Nacións europeas, mapa de Eurominority.orgResulta inevitable ollar para o Estado español nestas circunstancias xa que é un estado moi dependente do petróleo importado e un estado onde conviven malamente diversas entidades nacionais, entre elas a galega. Está tendo en conta esta perspectiva a estratexia do soberanismo galego? Xa dixen hai un tempo que vía ao independentismo un tanto desorientado, ancorado en marcos obsoletos, e sen consciencia das implicacións que un futuro de baixa dispoñibilidade enerxética e probable colapso estatal poden traer para as aspiracións dunha Galiza dona de seu e dos seus recursos. Vai sendo hora de actualizarse e traballar estratexicamente sobre estes posibles escenarios, que sen dúbida terán graves consecuencias sobre todo se a separación do Estado español non se produce pacificamente. Parece claro que Galiza non liderará a ruptura, pero se preto do 50% dos cataláns están xa a día de hoxe a favor da independencia, non resulta previsible que nun futuro próximo de agravamento da situación financeira en España esa opción medre en aceptación? Non resulta factible que outras nacións europeas sen Estado, como p.ex. Escocia, se constitúan en precedentes a nivel xurídico nun prazo de tempo acelerado polo colapso financeiro e enerxético? É preciso que o soberanismo galego analice seriamente estes escenarios e traballe a partir deles na construción dunha Galiza sen petróleo, que poderá ser unha Galiza independente.

acampadaSCQPublico aquí a modo de apuntamentos online as miñas propostas para presentar esta tarde á xente da #acampadaSQC. Espero poder asistir a propoñelas en persoa pero non sei se un importante compromiso familiar me permitirá asistir. En calquera caso quedarán aquí por se algún outro compañeiro ou compañeira as quere usar e trasmitir alí. Aviso que as irei ampliando e modificando ao longo da tarde.

Parto dunha cuestión importante. Teño defendido repetidamente que a Democracia Directa é a vía estratéxica para facer posibles todas as demandas deste movemento e do conxunto da poboación en xeral, e que as Novas Tecnoloxías son o medio para poñelo en práctica de maneira eficiente. Facelo a través dun antipartido instrumental que faga de correa de trasmisión directa nas institucións é a vía máis rápida e máis potente ao meu entender. Pero agora, ata as eleccións xerais non poderemos votar a un partido dese tipo, así que tentarei propoñer cuestións que poida ser útil reclamar ata entón, e que sexa viable no camiño á implantación dunha Democracia Real, dunha Democracia Directa.

Reclamemos…

  • A elaboración dunha nova Constitución no Estado Español por parte de cidadáns, como se fai en Islandia, pero cunha participación aberta a calquera persoa, elaborando o texto colaborativamente por medio de Internet, para someter despois o texto resultante a referéndum.
  • A posta inmediata baixo control directo dos cidadáns dos medios de comunicación públicos.
  • A substitución do PIB como medida-obxectivo da economía, por un indicador de benestar humano, como os xa existentes.
  • Recoñecemento por parte dos poderes públicos de que o Teito da extracción do petróleo e doutras materias primas supoñen un freo insalvable para o imposible crecemento perpetuo. Posta en marcha dun plan de transición enerxética a nivel de todo o Estado que pase por unha redución drástica do consumo enerxético, nomeadamente de combustibles fósiles.
  • Someter todas as leis aprobadas polo Parlamento español a aprobación mediante referéndum. Facilitar os medios para facelo por medios dixitais mediante o DNI-e, ao tempo que por medios tradicións. Estabelecemento de oficinas de votación permanente.

Tamén quero engadir que a idea de remitírllelo aos acampados en Madrid paréceme ben pero sempre e cando non subordinemos a nosa acción ao que eles acorden. Máxima autonomía e liberdade de acción desde Galiza.

O día 10 de marzo celébrase o Día da Clase Obreira Galega, e semella unha boa ocasión para prantexar unha cuestión que escapa á consideración da inmensa maioría da esquerda do noso país: ten futuro a clase obreira ou clase traballadora alén do petróleo?

Traballadores-Vulcano

É dicir: se os traballadores como clase naceron coa industrialización, semella lóxico pensar que desaparezan como tal clase co previsible colapso da civilización industrial derivado do esgotamento do insubstituíble recurso no que esta se basea. Sen petróleo, non hai industria, e sen industria, non hai traballadores. Se cadra, poderá quedar unha pequena clase artesá, pero a meirande parte dos traballadores, historicamente procedentes da inmigración ás cidades, volverá a converterse necesariamente en labregos.

Probablemente esa clase neolabrega non sexa asimilable á dos nosos avós e bisavós (a historia da clase obreira galega é bastante máis curta cá doutros países cun proceso máis temperán e máis completo de industrialización): probablemente sexa unha clase de labregos sen terra, porque no proceso de colapso da presente civilización, os posuidores do capital, mellor situados e máis conscientes da inevitabilidade do proceso de colapso, seguramente desvíen —xa o están a facer— a súa ollada con disimulo á terra e farán o posible por desprazaren os actuais habitantes ou desposuílos, coa colaboración do poder que seguirá a negar coa colaboración dos medios de masas que haxa un problema de tal trascendencia e que, como sucedeu xa noutros momentos da historia, tentará afogar con impostos aos modestos habitantes do rural ao tempo que lles retira o soporte de servizos públicos (escolas, transporte, sanidade…) para atraelos a unhas cidades condenadas. «Deixade o campo, que é o atraso e non é calidade de vida, e ide vivir ás cidades, onde os vosos fillos atoparán un futuro e vós unha vellez con mellores coidados. Ide, ide! Nós xa vos mercamos as leiras e as vacas.»

Así, a prezo de saldo, o capital farase dono do terreo de xogo da futura Galiza: o rural. E cando os habitantes das cidades, desposuídos de traballo e de futuro, queiran volver ao rural que abandonaron nesta ou nas anteriores xeracións da súa familia, atoparán que as condicións que lles imporá o poder serán dunha explotación que agora non podemos nin imaxinar. Serán os novos foreiros, os novos caseiros, os novos xornaleiros, traballadores sen terra de seu… enganados pola historia escrita polos que mandan.

Para resistir esta deriva da historia do noso país, debemos ser en primeiro lugar conscientes de que non podemos evitar que o industrialismo colapse. Non só a clase obreira non será a protagonista dunha soñada toma revolucionaria do poder, senón que se irá esfarelando rapidamente, arrastrada por sectores industriais en progresiva quebra. O Teito do petróleo é un fenómeno contra o que foi posible unha preparación, pero xa nin temos o tempo nin as condicións socio-económico-políticas para o facermos. Xa que logo, estaremos abandonados aos seus peores impactos.

O que si que podemos é anticiparnos, termos perspectiva histórica da oportunidade que temos e do que vai vir, e evitar que o capital se sitúe acaparando terras (e montes, fragas, auga…) no rural con vistas a se converter na nova clase feudal do país. Podemos loitar contra o desmantelamento dos servizos públicos no rural, porque aínda que o Estado poida rematar por colapsar, debemos defender que durante o maior tempo posible se manteña a infraestrutura que lle facilita a vida ao noso campo, mesmo por riba da que haxa que sacrificar nas cidades, onde sería investida nunha vía sen saída en detrimento dos recursos aplicables á consolidación rural. Podemos loitar por tecer redes sociais resilientes e resistentes no rural, construírmos unha sociedade neoagraria preparada para vivir sen petróleo e para facer fronte aos seguros ataques que sufriremos, que estamos xa a sufrir: esmagamento de pequenas explotacións, invasión de tranxénicos, contaminación das augas, expolio de bens naturais comúns de todo tipo…

Non poderemos facer pervivir a clase obreira despois do petróleo, pero si que podemos axudar a (re)nacer unha meirande clase labrega, digna e forte, que será a columna vertebral dunha Galiza sen petróleo.

(Entrevista publicada previamente en GalizaLivre.org)

Fotografía de CasdeiroInformático, colaborador de meios comunitários e activista, Manuel Casal Lodeiro centra as suas preocupaçons militantes na crise energética e adverte do iminente crise do petróleo. Desde o seu web vésperadenada, repassa pontualmente todas as notícias que apontam ao devalar do nosso modelo social. Casdeiro falou longamente com galizalivre do movimento decrescentista e respostou algumha das críticas mais duras que se lhe formulam desde a esquerda.

Poderias dar-nos uns apontamentos da tua trajectória biográfica e militante?

Nascim no ano 1970, na emigraçom. O meu activismo surgiu em paralelo ao meu desenvolvimento profissional como informático, achando que a internet era umha ferramenta óptima para certas luitas, como a do pangaleguismo e a recuperaçom da nossa cultura e identidade na Diáspora, o que tencionei pôr em prática com a comunidade virtual ‘Filhos de Galiza’. Depois fôrom cobrando crescente importáncia para mim as questons políticas, nas que pensei achegar algumha cousa criando um anti-partido pola Democracia Directa Electrónica chamado ‘D3′. Desde que rematei na universidade considerava-me um ‘downshifter’, um seguidor da vida simples que fugia quanto possível da cadeia trabalho-consumo-trabalho. Depois achei no Decrescimento a continuaçom política dessa postura ética pessoal.

Como começam as tuas inquedanças sobre o pico do petróleo e a crise ambiental? Devem-se a certas leituras ou a experiências directas de activismo?

Nom, o do ‘peak oil’ foi umha descoberta como podia ter feito qualquer com certa sensibilidade escuitando a Rádio Galega na primavera de 2008. Escuitei um dia citar a Agência Internacional da Energia prevendo que em sete anos a oferta de petróleo deixaria de cobrir a procura, como umha notícia quase sem importáncia, penso que nom lhe dedicárom nem um minuto à questom no informativo. Porém, eu fiquei preocupado: parecia-me que por trás daquilo havia algumha cousa mui grave e dum alcanço imprevisível. Assi foi que pescudei pola internet e descobrim a questom do teito do petróleo, que alguns activistas e científicos já levavam anos a denunciar.

Poderias-nos dizer quais som, ao teu juízo, os principais traços desta crise civilizatória na que nos adentramos?

É complicado mas tentarei-no. A crise caracteriza-se pola perda da base energética dessa gigantesca máquina termodinámica que é o sistema económico e financeiro mundial. Nom é que fiquemos da noite para a manhá sem petróleo, mas este é tam vital para o mantimento das estruturas dos países industrializados, que sem termos um fornecimento sempre crescente dele nom é possível o medre económico. É evidente que dum recurso limitado nom podemos ter cantidades sempre maiores: chega um ponto em que acadam o seu teito e a partir daí a extracçom (que nom ‘produçom’) cai dumha maneira mais ou menos abrupta. O problema nom som as reservas totais que existirem, senom o fluxo dessa energia que entra no sistema. Estamos no mesmo ponto em que se topárom muitas outras civilizaçons anteriores à nossa: o problema dos rendimentos marginais decrescentes. Disponhemos cada vez de menos petróleo, e cada vez é mais custoso de produzir (energética e monetariamente). E os que estudam seriamente a questom demonstram que as energias renováveis nom podem substituir esta matéria única nem em tempo, nem em escala nem nas áreas vitais do transporte, a agricultura e os petroquímicos. As provas de estarmos neste ponto da história temo-las por toda parte, apenas cumpre unir os pontos e entender as nossas sociedades e economias como um sistema complexo dinámico que precisa dum nível concreto de energia para manter o seu nível de complexidade numha luita permanente contra a degradaçom entrópica. Os economistas ecológicos explicam-no mui bem: todo se resume a umha questom termodinámica, ou ecológica se quigeres: estamos a nos comportar mesmamente igual que as levaduras dentro dumha garrafa de mosto. E podemos doadamente rematarmos igual do que elas: morrendo em massa por termos esgotado o recurso finito do que figemos depender a nossa explossom demográfica. Sem petróleo a espécie humana nunca passou dos mil milhons de pessoas, e agora imos caminho dos sete mil milhons! Que vai passar assi que esse recurso que fijo possível a explossom demográfica desapareça? Fica claro que em poucas décadas teremos que volver a cifras muito mais sostíveis: como? O mais provável é que seja mediante guerras, fomes, doenças…os jinetes da apocalipse nom som senom um fenómeno comum da ecologia social humana.

Quiçá haveria que distinguir as posiçons de dous campos sociais face esta questom: a populaçom em geral, e as minorias organizadas e militantes. Como pensas que reagem ambas -se é que reagem- ante a crise energética e o desafio do colapso?

Nom agem porque nom som conscientes do que acontece. Se a informaçom vital sobre o funcionamento do sistema nom flui nele, o sistema tende ao colapso. E quando alguns vam abrindo os olhos passam polas conhecidas fases psicológicas ante o trauma: negaçom, ira, negociaçom, depressom e aceitaçom. Isto tem o perigo de as populaçons serem manipuladas por certos grupos de poder conscientes da realidade ou nom, que o quigerem aproveitar em cada momento ao seu favor. Há pequenos gromos dumha mudança de modelo, da revoluçom antropológica precisa, como podem ser as Transition Towns ou o movimento polo Decrescimento, e nom há dúvida de que deverám ser o referente que faga mover a sociedade em última instáncia, se é que vai seguir a haver algum tipo de sociedade e nom rematamos num ‘pescoço de garrafa evolutivo’, quer dizer, na quase-extinçom como espécie. As sociedades mexem-se em certa maneira como as amebas, deslocando primeiro umha das suas margens, e logo o resto do corpo segue nessa direcçom. Por isso penso que agora mesmo é vital darmos-lhe pulo a toda essa classe de iniciativas que habitam nas margens da sociedade de massas, em paralelo à maior conscienciaçom social que pudermos fazer, para evitarmos que a gente for enganada. Esta situaçom nom é algo doado de entender e encaixar dentro do modelo mental do mundo que nos inculcárom durante as passadas décadas ou séculos, quase diria eu, dum progresso perpétuo e das possibilidades mágicas da tecnologia e da inventiva humana, quando nom de cega confiança mitológica na mao do mercado capitalista que todo o resolve, mas que é incapaz de prever o esgotamento dum recurso imprescindível e insustituível.

Que opinas do movimento polo decrescimento e que juízo che merecem os seus críticos de esquerdas, que o acusam de ser escapista e de nom plantejar-se a tomada do poder entre os seus alvos?

O decrescimento é inevitável, há que partir disso: a menos energia disponhível, nom há crescimento e as economias contraem-se, quando nom colapsam até níveis mais baixos de complexidade estrutural. A única dúvida é se decresceremos de maneira anticipada (já o seria escassamente) e planificada, como propomos os decrescentistas, ou bem se deixa à lei dum mercado capitalista em caótica descomposiçom. Já que logo a crítica nom pode basear-se no diagnóstico da situaçom, senom em todo caso na estratégia ou na táctica. Quem critica o decrescimento como opçom política e social que é o que propom como alternativa: o ecofascismo? Ou o tecnoutopismo que nega ‘a maior’ e tem fe em podermos seguir crescendo até o infinito? Os que dizem que é um movimento ‘de classes médias’ penso que nom tenhem um contexto histórico abondo amplo: eu nom conheço gente mais coerentemente decrescentista -mália nom se alcumarem a si mesmos deste jeito- que a gente velha da aldeia, com umha filosofia da contençom, da suficiência, da reutilizaçom, dos ciclos ecológicos, da poupança, da vida simples…umha filosofia que se vinha transmitindo de geraçom em geraçom ao longo da história humana e que a mercadotécnia moderna e um ilusório ‘bem estar’ desfixérom por completo a partir dos anos 50 e 60. Agora quem pretende viver assi é um ‘tolo’, ou um ‘escapista’, ou dizem-che que queres voltar ‘aos tempos da fome’ ou à ‘Idade Média’. Quem quiger continuar na espera da tomada do poder ‘por cima’, que aguarde sentado debatendo sobre a ‘vanguarda do proletariado’, enquanto as sociedades industriais entram em descomposiçom, as factorias fecham e o supermercados ficam sem mercadorias. Namentres, alguns estamo-nos a tentar libertar ‘por baixo’, simplesmente rejeitando as subtis imposiçons consumistas capitalistas. A verdadeira ‘tomada do poder’ num contexto de colapso civilizatório deve de ser a construçom de alternativas, de contrapoderes colectivos que estiverem operativos quando deixe de ser viável a alternativa estatal-capitalista. Em realidade ao retomarmos o poder da modesta suficiência colectiva labrega que o capitalismo industrialista lhe trocou aos nossos pais e avôs por um bem estar urbano que, como o ouro dos mouros, está a virar em merda ao rematar o sonho da abundáncia fóssil.

Afundando na crítica antes dita: como é possível somar a esse carro decrescentista, com todo o que isso supom de ruptura com hábitos de vida, a essa populaçom trabalhadora urbana que depende para a sua sobrevivência do uso do carro individual, dos trabalhos nocivos, das hipotecas bancárias? Vê-lo realista?

É realista, claro que o é. Ainda que tremendamente difícil porque o sistema económico soubo encadear-nos com essas questons das que nom somos nem conscientes. Se nom ves as tuas cadeias, como vas rachar com ellas? O bom desta situaçom é que cada vez vam ser mais visíveis: manter as ilussons em que se baseia este jeito de vida urbanita custam energia demais, e quando esta deixe de fluir e for derivada aos derradeiros elementos numha inútil tentativa de salvar as estruturas, estas massas vam ficar abandonadas. Estamo-lo a ver em certa maneira nos países árabes, nom nos damos de conta que nom estamos tam longe de protagonizar umha situaçom semelhante. Os urbanitas devemos botar um olho ao que temos acarom: as aldeias. Som lugares onde a vida pode ser mesmo muito melhor que nas cidades, claro que com renúncias. Pessoalmente acho que temos muito que ganhar ao retornarmos ao campo. O mau é que de nom fazermo-lo aginha, o poder irá deixando-nos sem opçons, favorecendo umha desertizaçom acelerada, umha imposiçom de medidas dignas dos derradeiros emperadores romanos, como o canon da auga…além de a situaçom pessoal dos mais ir a pior: provável hiperinflaçom, crescente desemprego, curte das liberdades…por isso quanto mais tardarmos em trocar de vida mais difícil vai ser para todos. Assi que se formos conscientes de a relaçom urbanitas/produtores de alimentos vai ter inevitavelmente que inverter-se quando deixe de chegar petróleo barato a cachom; se aceitarmos que podemos viver decentemente com muito menos; se reconhecermos que é possível viver sem trabalhar (entendendo o trabalho como actividade assalariada a tempo completo); se aprendermos como viviam os nossos avôs e o melhoramos com o conhecimento que temos hoje em dia de agroecologia, de permacultura, de tecnologias simples, etc. Se nos decatarmos de que quanto mais demorarmos, faremos a transiçom em piores circunstáncias… daquela veremos que a opçom rural vira cada vez mais atractiva. Som da opiniom de que a Galiza precisa com urgência um movimento jovem de retorno ao campo, com umha forte consciência política de alternativa ao capitalismo adoecido.

Pensas que é possível um encontro entre a recuperaçom da ‘vida local’ e rural e um novo pulo da nossa sobrevivência como naçom galega?

Nom só é possível: acho que é imprescindível. Por isso falo de que é preciso artelharmos um movimento que integrar todos esses factores para pô-los em prática como critérios para umha volta auto-organizada ao rural. Se consolidarmos estruturas resilientes no rural, teremos muitas possibilidades de sobrevivermos como país, porque será aí onde se jogue o nosso futuro, nom numhas cidades que sem energia barata se descobrirám terrivelmente sobrepovoadas e inestáveis. A estrutura idónea viraria sobre umhas vilas como núcleo de bisbarras quase autosuficientes, e dúzias de paróquias satélite. É dizer, a estrutura que nos funcionou como povo durante os últimos mil anos. O do petróleo será umha excepçom na história da humanidade e do povo galego, e nom ficará outra que volver a retomar estruturas muito mais acaídas aos recursos desta terra. Além disso nom podemos perder de vista que se nom aproveitarmos os recursos renováveis da nossa terra, tomando possessom deles dumha maneira firme, decidida e antecipada, virám de fora outros que nom vam duvidar em fazê-lo: forem poderes expoliadores de zonas menos favorecidas pola natureza, forem imigrantes post-industriais dessas ou doutras zonas. Isto em certa maneira já leva anos a acontecer, mas nom o víamos dumha óptica energética social. No expólio dos recursos do país nom só nos vai a riqueza, senom a própria sobrevivência física de milhares de galegos e galegas nas vindouras décadas: a soberania mais importante é a energético-alimentar.

Passando a estratégias práticas. Que seria para ti o mais importante para encetarmos umha transiçom e quantas décadas temos para este desafio?

Teimo em que umha aposta estratégica nacional pola defesa e repovoaçom do rural seria imprescindível, mas nom aguardando a acadarmos poder na Junta ou neste ou naquele concelho, nom. Há que pô-lo em pé já mesmo e por baixo, tecendo redes entre activistas de dentro e fora das cidades, promovendo que se vaiam trasladando doadamente pessoas mais inquedas das cidades cara o rural. Terám que ficar muitos nas cidades e lá seguirá a haver muitos anos de luitas sociais e políticas, mas precisamos um trasvassamento de forças cara o eido rural, onde se deveria ir construindo umha base activista e de apoio mútuo, cujos alicerces seriam o saber tradicional, as estruturas sociais tradicionais, novos meios de comunicaçom específicos para o rural (imprensa, rádio), e o sindicalismo rural mais radical. Devemos defender a terra, porque é o único que nos vai ficar.

Sobre a questom temporal, dizermos ‘décadas’ semelha projectar os problemas nalgum ponto remoto do futuro, quando o colapso na minha opiniom já começou. A denominada ‘crise financeira’ na realidade foi consequência dos primeiros sintomas do estancamento terminal do petróleo. A ‘crise económica’ e os problemas da dívida nom terám soluçom porque sem energia sempre crescente nom se pode fazer medrar o PIB. Claro que nom no-lo explica assi quase ninguém e continuamos a pensar que é possível o fisicamente impossível. De feito o colapso do sistema financeiro é inevitável e acho que nom tardará muito. De todos jeitos o dinheiro nom é o que mais me preocupa, porque é umha abstracçom tremendamente conveniente para a vida das sociedades actuais, mas nom tam imprescindível como a energia. Chegado um ponto o poder económico mundial pode acordar um sistema monetário totalmente novo, regular de maneira mui diferente os produtos financeiros e a banca e seguir um pouco mais. Mas com a Física nom há reunions do G8 nem Clube Bildenberg que valham. Sem energia abondo nom há comida, nom há saneamento, nom há serviços públicos, nom há sanidade moderna… todo o que conhecemos deixa de funcionar, os aparelhos estatais colapsam e apenas nas aldeias das zonas férteis do planeta ficará umha maneira viável de seguirmos para a frente. Por isso é tam importante que a gente vaia recuperando aginha o contacto com as suas aldeias, preparando a casa dos avôs, aprendendo a cultivar, estabelecendo relaçons com os vizinhos, adquirindo habilidades que forem úteis num mundo postindustrial. Se as taxas de rendimento energético continuam a cair -e nada fai pensar que nom o fagam- e se efectivamente estamos já no teito da extracçom, para 2030 pode que já nom haja praticamente petróleo ao dispor das economias industriais e estaremos a viver numhas sociedades de tipo agrário e local.

(Adaptación ortográfica e corrección lingüística de GalizaLivre.)

Policía montada... algo que veremos cada vez máisDiante da vertixinosa caída no autoritatismo que estamos a presenciar neste últimos tempos por parte dos delegados gubernativos do poder capitalista, pregúntome eu como se vai manter o control social exercido mediante o uso legal da forza nun contexto de colapso post-petroleiro. A principal dificuldade que albisco, con outros, é que a proxección da forza sobre poboacións distantes ha ser cada vez máis difícil, debido á depedencia absoluta da mobilidade das forzas securitarias armadas con respecto aos combustibles fósiles. Ben que podería axiña volver a ser común o uso da cabalería, que nalgúns países aínda se usa, mesmo pola policía. Pero iso limitará moito a capacidade sobre todo a medias e grandes distancias por medio de camións militares, tanques, helicópteros, etc. Loxicamente para isto é vital para o poder manter bases militares (cuarteis e macrocuarteis) e de corpos semellantes (Policía Nacional e Garda Civil no caso do Reino de España) espallados estratexicamente polos diversos territorios, sobre todo naqueles máis belixerantes co poder (de novo no caso ibérico, as nacións sen Estado). Isto será apoiado como noutros momentos da historia pre-pretroleira, nos caciques locais de turno, nas élites autóctonas prestas a acatar in situ as ordes dun poder colonial remoto.

O Gran Irmán seguirá aí... control social de baixo consumo enerxéticoPero non podemos esquecer que os tempos mudaron moito desde o século XVIII e que agora o poder capitalista-centralista-pseudodemócrata-burgués ten unha ferramenta moi poderosa para exercer un control máis sutil pero precisamente por iso, máis duro de combater, e que se exerce por vía directa ás nosas mentes: a televisión. Este aparato é unha cabeza de ponte do poder que o controla en todas e cada unha das nosas casas, trasmitindo ideoloxía, manipulando a realidade para coutar a revolta social e dirixir os lexítimos desexos de benestar dos cidadáns-televidentes-consumidores-proletarios na dirección que lle interesa por medio da hipnose publicitaria e mediática. Imaxe das campañas contra a TV de AdBustersE esta arma permite meter un exército invisible de control social en millóns de lares cun baixo consumo enerxético. Así que farán o posible para que, aínda que as masas queden sen mobilidade por causa dun petróleo minguante, e eles precisen ter a bo recaudo as reservas estratéxicas militares e policiais que precisarán sen dúbida para reprimir revoltas sociais ou ataques externos, cada salón sega a ter o seu vehículo de dominación mental ben alimentado. Por iso aínda que a electricidade poderá ser racionada, contemos con que sempre se fará todo o posible por fornecela aínda que só sexa para acender a TV. Poderemos aterecer co frío nunhas casas mal deseñadas e demasiado dependentes dun continuo subministro de combustible fósil, comeremos frío, lavaremos a man… pero a TV non poderá apagarse, non sexa que nos dea por pensar e analizar directamente, de primeira man, a realidade que nos rodea. Aínda que sexa poñerán de balde un paneliño solar en cada casa que só furrule para alimentar a TV. O que sexa con tal de seguir presentes nas nosas casas, nas nosas mentes, a cotío, varias horas ao día.

Xa que logo os caciques de sempre, apoiados en forzas cipaias, e o engano televisivo serán na miña opinión as armas básicas do control social do noso inmediato futuro.

Non é que se acabe o petróleo, non. Porque por unha banda nunca se vai dar extraído todo o petróleo do subsolo (é fisicamente imposible), e por outra porque moito antes de chegar a ese punto, o seu rendemento enerxético será tan baixo que se deixará e extraer (é fisicamente e economicamente ruinoso).

Pero non é iso. O carallo co do petróleo, é moito máis sinxelo e inminente: de aquí a pouco non vai chegar para todos. De feito ese aspecto do problema foi o primeiro que eu coñecín, alá por Abril de 2008: nas noticias da Radio Galega un breve apunte informaba de que a AIE advertía de que en 7 anos (2008+7=2015) a demanda mundial de petróleo ía superar a oferta. Inmediatamente percibín que aquilo tiña un alcance moito maior do que facía supoñer o escaso e secundario espazo dedicado polo informativo radiofónico. En canto puiden pescudei un pouco na WWW, e logo dei co verdadeiro problema que estaba por tras dese anuncio —despois moitas veces repetido con variantes— da Axencia: o peak oil (o cénit, pico ou teito do petróleo).

E despois de todo este tempo que levo pescundando desde entón, ao final o problema ven volvendo ao mesmo asunto que eufemisticamente anunciaba daquela a AIE: en pouco tempo non vai haber petróleo para todos. E debido ao vital papel que xoga este elemento na sociedade actual e á nula preparación que os diversos gobernos están a tomar, as consecuencias sociais e económicas serán catastróficas, a todos os niveis. Comezará a haber personas que queden sen gasolina. Haberá agricultores que quedarán sen gasoil. Fábricas que quedarán sen subministros. Hospitais que quedarán sen material. Cidades que non poderán bombear auga. Supermercados aos que non chegará comida. Aparatos que non se poderán reparar por falta de pezas. Sectores que afundirán por falta de insumos ou por simple incapacidade de mover os seus produtos ata os mercados mundiais. Gobernos que non poderán manter os seus aparatos estatais, os servizos públicos, a lei e a orde… O impacto será progresivo (primeiro uns poucos automovilistas, uns poucos agricultores, fábricas, gobernos… e despois máis e máis e máis..!) e en cadea, e de fondo estará unha cuestión crucial e que poucos recoñecen: se temos cada vez menos enerxía dispoñible para o conxunto da economía, esta non poderá medrar, e o sistema financeiro baseado na creación de diñeiro mediante a débeda, virá abaixo como un castelo de naipes.

Isto non debería ser necesariamente traumático, se fósemos quen de sentarnos a repartir como irmáns o que vaia quedando e de renegar dos mitos do crecemento perpetuo. Pero temos probas de sobra acerca do modo en que funciona o mundo e nunca se repartiu nada democraticamente, nin nunca o rei recoñeceu voluntariamente que ía espido. O último reparto coñecido foi o de Ialta tras a II Guerra Mundial. Seguro que despois houbo outros a escala xeopolítica ou económica, pero non convidaron as cámaras da TV. Calquera persoa agás os excesivamente inxenuos, sabe que nas relacións internacionais impera unha mal maquillada lei do máis forte, e que nin para unha cuestión de sobra coñecida e probada como a mudanza climática, fomos quen de chegar a acordos realmente eficaces.

Así que tranquilos: o petróleo non se esgota. Abonda con que non chegue para todos para que a nosa civilización vaia para o carallo.

Foro Ecoloxía - Refundando a esquerdaO pasado sábado tiven a ocasión de falar no I Foro sobre Ecoloxía do proceso Refundando a Esquerda, sobre a cuestión do Teito do Petróleo.

Veño de preparar para publicación o PDF da miña poñencia, o cal quero ofrecer desde aquí para tentar prolongar o debate coas persoas que asistiron ao foro, xa que por cuestión horaria tivemos que deixar un interesante debate a medias e ficaron moitas cousas no aire ou por aclarar.

Por suposto calquera outra persoa, aínda que non asistira, pode deixar aquí os seus comentarios, dúbidas, críticas ou cuestións acerca do que expliquei.

PS 06/10/2010: A xente de Esquerda Unida ven de publicar no YouTube os vídeos das intervencións. A partir desta ligazón pódese ver e escoitar a miña.

Xa hai máis de dous anos que veño pescudando nas cuestións relativas á fraxilidade das nosas sociedades industrializadas desde o punto de vista enerxético. Recentemente achei outra información que fixo medrar aínda máis a preocupación que me causara descubrir en 2008 as implicacións do teito da extracción mundial de petróleo. Esa información procede de científicos da NASA que levan tempo avisando da alta probabilidade dunha tempestade xeomagnética que podería destruír ou danar gravemente boa parte —se non todos— os sistemas eléctricos e electrónicos do planeta. Desde hai uns días esas advertencias están a se concretar sinalando como data probable o 2013. Resúltame estarrecedor comprobar a coincidencia coas datas en que moitos xeológos prevén que comecen a palparse as consecuencias máis graves do esgotamento do petróleo: o solapamento deste posible apagón mundial coa crise de fondo do decive enerxético fósil pode resultar demoledor para unha civilización que abanea.

Teño claro a estas alturas, despois de múltiples lecturas e debates con persoas coma min preocupadas e atentas ás informacións que sobre estes problemas se van publicando (desde logo non nos grandes media), que a industrialización vai resultar sendo un gravísimo erro na evolución da nosa especie. A consecuencia deste proceso histórico, social e antropolóxico, alimentado pola ansia capitalista de crecemento e plusvalía e polo legato enerxético fósil do noso planeta, fixémonos a nós mesmos dependentes de dous factores moi fráxiles: o petróleo (elemento finito en proceso de esgotamento) e a electricidade (cuxos sistemas son susceptibles dun colapso absoluto ante as tormentas magnéticas solares). Isto é así cando menos para boa parte da poboación do planeta, xa que moitos outros —os países e áreas menos industrializados— aínda conservan parcialmente a capacidade de sobrevivir sen estes dous recursos.

The sun is waking up from a deep slumber, and in the next few years we expect to see much higher levels of solar activity. At the same time, our technological society has developed an unprecedented sensitivity to solar storms. (Richard Fisher, director do departamento de heliofísica da NASA, Xuño de 2010)

Por riba, a propia complexidade á que deu pé a industrialización fai que cada vez haxa que destinar máis recursos ao propio mantemento desa complexidade estrutural. Isto xa foi algo que fixo colapsar a outras civilizacións anteriores, segundo advirte Joseph Tainter e outros autores, e ten moito que ver coa lei dos rendementos decrecentes. Así que non é nada novo. A diferenza é que nós multiplicamos isto de maneira descomunal grazas a un consumo de recursos e enerxía como nunca antes se vira e agravámolo cunha poboación 5 veces superior á que puido soster a biosfera ata o descubrimento dos combustibles fósiles e a súa trasmutación indirecta en comida para a nosa especie, convertida deste xeito en detritívora (vid. “Overshoot” e “Bottleneck” de W. Catton), e como tal condenada a un proceso de extralimitación e colapso.

A ameaza magnética solar á civilización electrónica

Xa que sobre o Teito do petróleo teño falado longamente, vou concretar agora algunhas das informacións acerca destoutra espada de Damocles que pende sobre a nosa civilización:

In just one generation, our reliance upon uninterrupted power supplies to run our computer-rich, internet-laced, civilization; our colonization of near-earth space with hundreds of billions of dollars of satellite; and manned human activity, have placed all of these enterprises at risk for damage by solar storms. (Dr. Sten Odenwald, 1998)

Os danos que se teñen constatado durante anteriores tormentas solares rexistradas inclúen:

  • Sobrecargas en cables telegráficos e eléctricos, de ata 25.000 voltios e lumes asociados.
  • Correntes inducidas de entre 10 e varios centos de amperes, por campos que poden chegar a máis de 1.000 nanoteslas.
  • Danos e explosións en trasformadores e disxuntores en estacións de subministro eléctrico.
  • Interferencia nas emisións de radio.
  • Descargas eléctricas a persoas que manexan aparatos eléctricos.
  • Caídas de case 100 MW (en escasos minutos) no subministro eléctrico ás cidades.
  • Perda do subministro eléctrico durante varias horas a grandes rexións por fallos na súa estabilización.
  • Aumento da corrosión das tuberías de petróleo e gas natural, puidendo ocasionar así explosións ou cando menos reducindo a súa vida.
  • Danos diversos a satélites artificiais: interrución do seu servizo, perda de células solares, perdas de subministro eléctrico, destrución da información por trocos pantasma de bits, perturbación das súas órbitas, etc.
  • Fallos nos microchips dos equipos informáticos ou dos satélites.
  • Segundo estimacións dos Oak Ridge National Laboratories unha tormenta solar de intensidade non moito maior cá que houbo en 1989 causaría uns danos á economía dos EUA duns 6.000 millóns de dólares.
  • O American Electric Reliability Council comparou os danos das tormentas magnéticas de marzo de 1989 e de outubro de 1991 cos do terremoto de San Francisco de 1906 ou os dun gran furacán.

Entre as consecuencias da nova tormenta solar prevista para 2012 ou 2013 (dunha intensidade sen precedentes), os científicos citan, ademais:

“If the world’s transformers are destroyed, you can’t just buy new ones off the shelf. Lose electricity and you can’t purify water, can’t treat sewage, can’t pump oil, you can’t refrigerate anything, communications, satnav and the internet go – it is Armageddon-type stuff.” (Dr. Jim Wild, Abril de 2010)

Segundo a miña propia procura de información na WWW existen aínda outros efectos perniciosos das fulguracións solares:

Aínda que certas rexións (as máis achegadas ao Norte magnético) son máis proclives ca outras a ver afectadas as súas liñas eléctricas por este tipo de fenómenos (que se repiten con diferente intensidade de maneira cíclica), as consecuencias pódense encadear pola gran interdependencia dos sistemas técnicos e económicos dos diversos países. Os fallos en cascada dos sistemas eléctricos son moi comúns sen necesidade de xigantescas correntes magnéticas procedentes do espazo exterior, así que é de temer que se multipliquen con este previsto evento solar.

A web of interdependencies makes the modern economy especially sensitive to solar storms. (Dept. of Homeland Security, 2008)

As medidas que reclaman os científicos que están a dar a voz de alarma para protexer as redes eléctricas e os servizos básicos e de emerxencia, son desde hai tempo coñecidas, pero custosas e nalgúns casos só parcialmente eficaces: só permiten reducir a devastación. Desde hai uns poucos anos os científicos e autoridades dos EUA véñense reunindo para estudar os posibles impactos e a maneiras de prever os eventos solares.

Correntes inducidas xeomagneticamente

Para máis información suxiro as seguintes ligazóns ademais das presentes no hipertexto anterior:

Continuando coa reflexión que fixen a raíz dun recente artigo de Antón Dobao quería deixar un apuntamento esquemático:

Temos que actuar sobre sistemas que son parte doutros sistemas en escalas sucesivas ata chegar ao meirande: o noso planeta.

Nivel 2) Se queremos actuar sindicalmente, teremos que comprender o nivel político.
Nivel 1) Se queremos actuar politicamente, teremos que comprender o sistema económico.
Nivel 0) Se queremos actuar economicamente, teremos que comprender os fundamentos físicos e ecolóxicos da economía.

Polo tanto para unha actuación política e sindical con fundamento, deberemos coñecer o que está a suceder no nivel 0, o sustrato físico, enerxético e biolóxico da nosa especie.

(Por unha banda…)

Penso que a única posibilidade que ten a especie humana de saír do cul-de-sac evolutivo no que se meteu, é a través da Ciencia. Pero non como adoitan pensar os cornucopiáns, por medio das aplicacións da ciencia, é dicir, por medio dalgunha tecnoloxía milagreira ou dalgún descubrimento de novas e infinitas enerxías… A nosa oportunidade ha de vir por medio da comprensión científica da realidade xa presente nas nosas vidas. É preciso -como William Catton moi ben explicaba en 1980 na súa obra fundamental Overshoot: The Ecological Basis of Revolutionary Change- aprendermos a ver o funcionar do mundo humán en termos ecolóxicos se queremos evitar as peores consecuencias da situación de extralimitación na que xa se atopa a nosa especie. É dicir, non fai falla descubrir nada novo, senón comprender o vello e o actual cos ollos da Ciencia (con maiúscula): ver o absurdo termodinámico do crecemento económico continuado, comprender as implicacións ecolóxicas de pasar a nos alimentarmos (case literalmente, por vía da agricultura moderna) dun detrito orgánico como é o petróleo en troques de facelo a partir da produción renovable do biosfera… e outros novos ollares que conformen un cambio revolucionario de paradigma interpretativo do mundo, un novo modelo mental para comprendérmonos e as nosas sutís pero suicidamente acumulativas accións de cada día.

(Mais por outra…)

Temo que nin isto sería de abondo. O propio Catton, moito antes de que se comezasen a difundir en ámbitos alternativos ou contraculturais (como diría el) termos como o de decrecemento, xa advertía da futilidade da vida sinxela, do insuficiente que podía ser a persoa que optase consciente e voluntariamente por reverter a súa mutación en Homo Colossus para voltar a ser un Homo Sapiens de baixo impacto ecolóxico e baixo consumo enerxético e de materiais. Efectivamente a taxa de aparición deses desertores do consumo industralizado, deses apóstatas do crecemento continuado, deses decrecedores… debería ser como mínimo igual ao incremento anual da poboación humana do planeta para ter algún efecto na deriva cara o colapso da nosa especie: é dicir, máis de 80 millóns de novos decrecedores cada ano, máis de 200.000 cada día… 2 e medio cada segundo!! A inercia do crecemento demográfico converte o movemento polo Decrecemento nunha ferramenta de moi improbable éxito para a trasformación do mundo, aínda que seguramente fornecerá unha maior resilencia a título individual-familiar a aqueles que adopten esa ética da vida frugal.

Se lemos a Catton (pp. 173-174 do devandito libro) veremos que algo semellante ao paradoxo de Jevons actúa tamén invalidando o efecto global deste tipo de accións. Se Jevon falaba no s. XIX de que canto menos carbón gastaban as máquinas (i.e. máis eficientes eran), máis se usarían esas máquinas e ao final acabaríase doadamente consumindo en total unha maior cantidade de carbón… Catton á súa vez fainos ver que canto menos recursos consuman unhas persoas, máis deixarán para que outros Homo Colossus segan a consumir, e ao final o consumo total pode ser o mesmo, ou mesmo pode virar máis voraz (se máis Homo Sapiens caen na trampa do consumo colosal de recursos e viran Homo Colossus) e rematar antes o conxunto da poboación de consumir os recursos non renovables (petróleo, gas natural, carbón, uranio, minerais…). Ese risco do efecto rebote do Decrecemento xa está sendo posto enriba da mesa por varios pensadores como crítica á súa validez como medio para a nosa volta como especie aos límites planetarios. Porque aínda que decrezamos conscientemente para deixar sitio a un maior consumo dos menos favorecidos que non atinxen un nivel digno de vida, nada nos asegura que sexan eles quen aproveiten o que nós deixamos de consumir, que en troques pode ir parar a un maior consumo dos nosos paisáns ou ao doutros cun nivel de consumo xa elevado. Como naquela escena de Amanece que no es poco, a xenial e surrealista película de José Luis Cuerda, podemos preguntarnos… “y ¿cómo les aprovecha a los negritos de África mi ayuno?” Pero ao contrario do que Cassen no papel de cura respondía, non hai un “Cuerpo místico de Cristo” que distribúa os nosos recursos conscientemente non-consumidos a quen os precisaren.

A formiga decrecedora abandona o tesouro desbaldido polas cigarras colosaisTentarei ilustrar esta crítica cuestión coa parábola do tesouro fósil que tan ben souberon empregar varios autores divulgadores do Teito do petróleo. Imaxinemos que a Humanidade é unha familia que desde sempre viviu grazas a uns ingresos que acadaba co seu labor diario. Un malfadado día descubren enterrado no xardín un tesouro abraiante, un cofre cheo dunha cantidade de moedas de ouro que en principio lles semella case incontable. E comezan alegre e irreflexibamente a gastar esas moedas en todo tipo de cousas, necesarias ou non… Cada mes cada un dos membros da familia gasta e consume máis e máis, elevando o seu nivel de vida por riba do que os ingresos que percibe polo seu traballo lle tería permitido. Ben, pois esa é en resume a historia da Revolución Industrial e do descubrimento da maneira de explotar os aforros enerxéticos de centos de millóns de anos do planeta terra: o carbón, o petróleo e o gas natural.

Pero seguindo coa nosa historia, un bo día, un dos membros da familia dase conta de que levar ese nivel de vida grazas a un tesouro visiblemente finito -malia enorme-, non pode levar máis que ao seu esgotamento tarde ou cedo, e decide en consecuencia deixar de lle meter man ao cofre para volver a vivir dentro das súas posibilidades de ingresos mensuais. Loxicamente ese membro da familia estaría sendo moi cabal, e estaría preparándose para o día en que o cofre quedase baleiro. Mais, ao compartir o tesouro e a casa co resto da familia, que efecto tería a súa decisión no conxunto? Seguramente o seu acto de deixar de botar man do tesouro permitiría aos que seguisen a desbaldilo, despreocuparse un chisco máis polo futuro, xa que agora o tesouro habíalles durar un pouco máis. E se en troques dun, fosen 2 ou 3 os membros que se abstivesen de tocar o tesouro… mesmo aínda que só quedase un membro desbaldidor, o tesouro había por rematar consumíndose por completo, para perxuízo final de todos, que xa non poderían botar man del en caso de houber na familia unha mala racha laboral no futuro (incluíndo as seguintes xeracións). E mesmo pode que os afeitos a vivir sobre as súas posibilidades descoidasen os seus traballos e cando quedasen sen tesouro e tamén sen ingresos mensuais, acudisen a pedir ou roubar aos seus irmáns menos pródigos. Esta situación ilustra o dilema que afronta na miña opinión o Decrecemento como filosofía ecolóxica e de acción política, e que non é senón un caso máis da coñecida como tragedy of the commons.

Que facer?

Con esta reflexión non pretendo concluír que debamos negarnos a ser formigas temendo que non serva máis que para permitir as cigarras viviren máis tempo alén dos límites. Sen dúbida a única opción ética na actual crise ecolóxica é optar polo Decrecemento. Pero faise preciso reflexionar sobre como complementalo a nivel social con outras medidas e accións políticas de distribución de recursos, para evitarmos que os beneficios que para as xeracións futuras pode supor deixar de lles roubarmos os recursos que tanta falta lles van facer, se perdan no presente a mans de competidores trampulleiros. Debemos ser decrecedores por xustiza social pero tamén por compromiso coa pervivencia da nosa especie, tamén para defender o legato dos nosos fillos (e mais dos fillos das irresponsablemente pródigas cigarras), un legato que está a sucumbir nunha inxusta competencia entre a xeración actual e as que están aínda por vir. A liberdade de mercado virou -por obra e graza dun capitalismo industrial petrolívoro- na liberdade de saquear o futuro dos nosos fillos e netos. A ética reclama que desertemos dese roubo planetario e que defendamos politicamente os dereitos á existencia desas indefensas xeracións, e da nosa propia, a primeira que ha empezar a pagar o pratos rotos dunha civilización que lle virou as costas ás realidades ecolóxicas do planeta.