Archivo de la Categoría Social

Lin con noxo o seguinte no último editorial (31 de Decembro) do periódico A Nosa Terra, tras una columna adicada a deitar a dúbida sobre a actuación do goberno español á hora de adquirir doses do antigripal Tamiflu:

Quizais non sexa demasiado conspirativo supoñer que estamos a falar dunha subvención pública encuberta dirixida a empresa(s) químico farmaceúticas.

Esa estratexia podería ser igualmente aplicada ao debate sobre o cambio climático. A súa presentación alarmista parece influída por empresas que agardan realizar un bo negocio na chamada industria ecolóxica. A falta de transparencia sobre este obxectivo permítelles manexar os calendario e tomar unha mellor posición no mercado.

Debo recoñecer que xamais pensei ler algo tan delirante como editorial deste histórico medio. Delirante polo que dá a entender: ¿Seica o goberno español presenta dunha maneira alarmista a mudanza climática? Entón que dirán os responsables de A Nosa Terra dos colectivos ecoloxistas ou dos grupos de científicos que o presentan aínda peor?!

É unha verdadeira mágoa pero non podo interpretar doutra maneira este editorial: A Nosa Terra nega a gravidade da mudanza climática, non sabemos baseándose en que datos, e o que é peor, deita a sospeita talvez dunha confabulación gobernativa-ecoloxista-industrial que tentaría convencernos de que o problema é grave, cando en realidade, para A Nosa Terra, non sería para tanto.

Outro medio de comunicación que deberei renunciar a mercar, xa que logo.