Archivo de Abril 2009

Ferrín e Beiras falan sobre a autodeterminación de GalizaOnte tiven ocasión de escoitar a Xosé Manuel Beiras e Xosé Luís Méndez Ferrín na mesa redonda acerca da Necesidade da autodeterminación que abría as xornadas formativas organizadas conxuntamente polo sindicato CUT e por Adiante. A impresión que levei foi decepcionante porque malia a simpatía e docto saber co que nos agasallaron ambos os dous históricos líderes do nacionalismo galego, pouco se falou (cando menos ata que tiven que marchar, tras máis de 2 horas de debate) realmente do necesaria (ou non) que á a autodeterminación a día de hoxe para Galiza.

Achei en falta que se puxese esta en contexto do colapso do paradigma civilizatorio actual, que se ollara cara ao que temos diante e non tanto para o pensamento e o axir dos séculos pasados, como fixeron Beiras e Ferrín no que case pareceu unha aula de Historia, como se a loita pola independencia fose seguir nos vindeiros anos nun contexto extrapolable. Decepcionoume non escoitar ao líder da FPG, unha das poucas forzas que falan no seu programa político de cuestións de soberanía enerxética e alimentar, de que vantaxes tería unha Galiza soberana, dona dos seus recursos enerxéticos e do seu capital natural fronte a un certo futuro de competencia encarnizada pola enerxía, a auga, os alimentos… Decepcionoume non escoitar a un docto economista como é Beiras falar da necesaria liberación do noso modelo territorial, socioceconómico, enerxético… nun futuro necesariamente re-localizado, autocentrado, post-industrial e sustentado nas fontes de enerxía dispoñibles en cada territorio.

Non me explico como non vencellaron a loita contra a Recesión coa necesidade de armarnos coas nosas propias ferramentas de sostibilidade e de resiliencia, e que a día de hoxe parece claro que non van ser permitidas nin polo Estado Español nin pola Unión Europea, superestruturas (por empregar o mesmo termo ca Beiras) impostas a este pobo e que son verdadeiras cadeas que o coutan na urxente tarefa de botarse fóra do paradigma inviable do capitalimo neoliberal.

Apenas albisquei referencias ao futuro que nos espera se non tomamos as rendas do noso goberno, un futuro que pasa inevitablemente por unha escaseza dramática de recursos, nomeadamente enerxéticos e que vai supor un punto de inflexión brutal para a nosa civilización. Non escoitei referencias á necesidade de desvencellarnos de aparatos de Estado que nos obrigan a estragar a nosa biodiversidade (non hai máis que escoitar á Ministra española que xustifica que non se poden prohibir os transxénicos porque nos obriga a UE cando outros países pertencente á mesma téñenos prohibido), ou a esfarelar o que aínda nos queda de tecido agrogandeiro, fundamental para a autosuficiencia alimentar e para artellar en torno a el outro modelo de produción e consumo verdadeiramente sostible.

En definitiva pouco ou nada lles escoitei acerca da utilidade da independencia para sermos quen de crear outro modelo de sociedade sostible e viable, fóra da absurda vía cara ao abismo pola que España e a UE se empeñan en levarnos: o abismo da colisión cos límites físicos do planeta.

Xa non se pode falar de autodeterminación ou de independencia sen poñelo en relación co panorama histórico que temos por diante caracterizado en primeiro lugar pola chegada da produción mundial de petróleo ao seu teito: nada volverá ser o mesmo, e pechar os ollos a ese feito significa perdermos a oportunidade de rescatar a nosa soberanía, máis urxente ca nunca.