Só podemos loitar contra o capitalismo creando xa unha alternativa
Escrito por: admin en Economía, En galego, Política, Social, tags: altermundialismo, anticapitalismo, capitalismo, foro social, movementos sociais, outro mundoCando escribo isto veño de escoitar as intervencións da asemblea que puxo fin ao Foro Social Galego. Quedoume claro o acordo xeral entre os movementos sociais galegos de que é preciso e urxente aproveitarmos a ventá de oportunidade que se abre a crise actual para pasarmos definitivamente á acción. Mais quero engadir algunha reflexión ao respecto, feita coa calma dunha mente xa algo máis descansada…
O cénit do petróleo e os outros sinais cada día máis patentes de que o sistema capitalista industrial comezou xa bater contra os límites do ecosistema planetario (no cal se nega irracionalmente a recoñecer integrado) fan preciso e urxente reprantexar todas as loitas contra o mesmo, partindo da nova constatación de que o inimigo se meteu só nun burato sen saída. E dado que non se pelexa da mesma maneira contra un inimigo acurralado que contra un que ten terreo de abondo para medrar e resistir calquera asedio, debemos repensar todas as nosas estratexias. Se o capitalimo vai rebentar el só, a nosa obriga é concentrar as forzas en crear en paralelo ou por baixo del, un sistema alternativo que forneza unha saída á sociedade cando descarrile o tren sen freos no que viaxa prisoneira, cando colapse este xigante con pes de piche.
Porque se non o facemos, ou se non o facemos a tempo, outros (i.e. os fascismos de toda caste) serán quen o fagan. E non podemos permitir que a humanidade salte da tixola para caer no lume. Xa que logo, é hora de poñer en marcha a urxente construción desoutro mundo diferente e necesario:
- Creando outras relacións económicas: locais, horizontais, non capitalistas, baseadas en bancos de tempo e moedas complementarias, no cooperativismo e a autoxestión das empresas, e financiadas mediante a banca ética.
- Creando outra educación: baseada en redes de formación alternativa e horizontal, universidades populares, universidades rurales, centros de conservación e trasmisión do saber tradicional (o realmente sustentable)…
- Creando outro modo de vivir e consumir: consumo local, responsable, xusto; decrecemento para vivir mellor con menos para que máis poidan vivir…
- Creando outras relacións sociais: outros mecanismos de solidariedade, mancomún, recuperación de valores e prácticas tradicionais de apoio mutuo…
- Creando outra comunicación: mediante medios de comunicación alternativos en mans dos cidadáns e dos colectivos sociais…
Todo isto está xa en marcha ao redor de nós, apenas debemos inventar nada novo. Só debemos centrar os esforzos en darlles pulo, replicar e conectar as experiencias que xa existen, de tal xeito que cando o sistema capitalista caia pola súa propia irracionalidade e insustentabilidade, a xente teña a alternativa xa funcionando, como toda unha flota de lanchas salvavidas desde as que reconstruirmos a sociedade partindo doutros bimbios. Se non o facemos, seremos arrastrados por este Titanic, por este monstro agoniante, que afundirá para rexordir como un Leviatán aínda máis criminal.
Entradas (RSS)
Diciembre 8th, 2008 a las 7:16 pm
Alédame ver que xente coma Susan George ou Xosé Manuel Beiras reclaman accións no mesmo sentido:
Susan George
(…Aínda que a idea de Susan George é máis unha estratexia comunicativa, moi interesante iso si, ca unha proposta de crear unha organización social real paralela, e só o propón como maneira de incidir nos medios e de aí no goberno e no Estado.)
Xosé Manuel Beiras
Diciembre 20th, 2008 a las 1:57 am
[…] « Só podemos loitar contra o capitalismo creando xa unha alternativa 20 12 2008 […]