///

Por que non pecharmos todas as fábricas de coches? Breves apuntamentos sobre a reconversión industrial precisa

Fonte: Pixabay.
Se tivésemos en conta que a poboación humana debe minguar para que a poida manter o planeta despois do declive fósil, e se obrigásemos por lei a facer produtos industriais duradoiros, poderiamos proceder a pechar boa parte das industrias do mundo. O impacto ambiental, enerxético e sobre a evolución do caos climático sería tan positivo que poucas outras accións poderían comparárselle.

Xa temos máis coches fabricados dos que xamais imos precisar. De feito sobran a inmensa maioría deles, porque máis cedo ca tarde non imos ter combustible cos que os alimentar. Seguro que habería que fabricar máis autobuses ou tranvías ou trolebuses… no campo do transporte colectivo movido con enerxía renovable hai moito que facer. Pero coches non, temos dabondo xa. E o mesmo poderiamos dicir de boa parte dos produtos industriais de consumo. Se precisamos seguir fabricando sen parar é debido á obsolescencia programada, na maioría dos casos. Porque moitos elementos deberían ser para toda a vida… mais xa non o son, como eran moitas veces hai unhas décadas. E iso pode perfectamente volver ser así por lei, se hai vontade política.

Por suposto, os pro-capitalistas e pro-crecemento alegan santurronamente que é preciso manter a maquinaria do usar-e-desbotar activa para manter o emprego, mais iso obvia un par de cuestións: a construción das novas civilizacións poscrecemento vai precisar moita man de obra, moitísima! Tan só se trata de organizar axeitadamente unha profunda reconversión laboral postindustrial. E por outra banda, o Estado podería e debería ser o empregador de última instancia (o concepto do traballo garantido), por defeuto, e contratar en empresas estatais, autonómicas ou municipais as persoas actualmente empregadas nos sectores industriais que habería que pechar. Por suposto tamén dispón de mecanismos intermedios, promovendo mediante exencións fiscais ou subvencións a creación de novas empresas de economía social, comunitaria, non capitalistas… dedicadas a satisfacer as necesidades básicas da propia xente, e non orientadas ao lucro e ao crecemento, sen ter que contratar directamente como funcionarios os desempregados ex-industriais, algo que non sería recomendable nun contexto de decrecemento que tamén afectaría as capacidades financeiras do Estado. É moito máis resiliente e acaído a unhas economías necesariamente relocalizadas que o emprego se xestione comunitariamente, na liña do defendido por exemplo por Ted Trainer en La Vía de la Simplicidad.

Nos países ricos xa temos máis cousas das que precisaremos no resto das nosas vidas, e mediante un puxante novo sector da reparación poderíamos conservar boa parte delas tamén para as seguintes xeracións. Iso inclúe o sector da construción, por suposto. Xa existen vivendas máis ca de sobra en países como España. Mobles, enseres domésticos, ordenadores, teléfonos móviles… Todo aquilo que non teña un desgaste inevitable, debería deixar de producirse. Sectores como o textil deberían ser reducidos e reconfigurados para acabar coa obsolescencia percibida creada polo concepto da moda: así, só se debería producir roupa e calzado para substituír os que xa non tiveran reparación. Deberían seguir producíndose lápises, por exemplo, pero non bolígrafos ou rotuladores, senón apenas as súas recargas, unha vez fosen xa todos recargables. Pratos e vasos escachan, e xa que logo debería haber unha pequena produción continuada dos mesmos.

E todos os elementos sobrantes actualmente producidos polos países industrializados, deberían ser distribuídos de maneira equitativa cos países onde a xente dispón de menos obxectos precisos. Se dalgún elemento non houbese suficientes unidades fabricadas, podería prolongarse a produción dirixida a estes países empobrecidos pero só temporalmente, até alcanzar a cantidade precisada per cápita. Cada país debería determinar as súas necesidades e os países produtores de cada elemento coordinarse para satisfacelas comercialmente a prezos xustos.

A reconversión industrial afectaría tamén ao sector enerxético: así, por exemplo, no canto de X aeroxeradores modernos e complexos de grande capacidade, habería que pasar a fabricar Y>X aeroxeradores máis pequenos e de tecnoloxía de menor impacto, e maior reparabilidade e duración, para unha xeración comunitaria moito máis distribuída e de menor impacto ambiental.

A nivel cultural debería promoverse a compartición do maior número posible de elementos de consumo (electrodomésticos como lavadoras, maquinaria agrícola, ferramentas de todo tipo, etc.), e mesmo debería existir unha cultura empresarial da compartición, rachando coa competencia, totalmente inaxeitada para contextos de escaseza, co Estado como regulador das mudanzas precisas no mercado.

A conservación e a duración deberían ser novos valores sociais promovidos por todos os medios, e o consumo superfluo, o desbaldimentos de recuros, a obsolescencia e mais as modas, penalizados.

Por suposto que é algo que vai totalmente contracorrente, pero tamén é algo totalmente necesario, e acabará sendo imposto, se non democraticamente, por un autoritarismo que xestionará a escaseza pola forza e seguramente non dunha maneira xusta, igualitaria nin solidaria con outros pobos.

Cómpre aceptar que nos achamos nos albores do fin da sociedade industrializada, e deberiamos ir pensando como facer a transición a unha sociedade postindustrial da reparación, da reciclaxe e da durabilidade.

Deja una respuesta

Your email address will not be published.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Lo último de Colapso