///

A vía galega cara a unha nova civilización

Se é certo que, como di Carlos Calvo Varela, para as galegas e galegos o colapso da civilización industrial significa algo moi diferente do que para un madrileño ou unha barcelonesa —canto máis do que para unha londinense ou un bonaerense!—, e se é certo tamén que imos rematar nunha diversidade de novas civilizacións (en plural), adaptadas a cada territorio e cultura, coido que ten perfecto sentido falar dunha vía galega para afrontarmos a mudanza de civilización.

É dicir, nin as Transition Towns do inglés Rob Hopkins, nin a Decroissance do francés Latouche, ni o Bo Vivir dos pobos indíxenas de América, nin a Revolución Integral do catalán Enric Duran, nin a Vía da Simplicidade do australiano Ted Trainer… nin ningunha outra vía cadrarán dun xeito óptimo coas características do noso país e das súas xentes, e da transición civilizatorio que aquí precisamos levar a cabo. E aínda que bebamos moitas ideas destes movementos, como doutros máis, penso que está xustificado buscarmos o noso propio camiño. Non é etnocentrismo nin nacionalismo: trátase de asumir a diferencia pasada, presente e futura, o específico da nosa cultura e biorrexión, e tirar o mellor partido dela para non obsesionarnos por cultivar especies (ideolóxicas) alleas nunha terra diferente.

Pensemos, logo, en cómo levantar unha vía galega cara a un novo xeito de vivir dignamente dentro dos límites biofísicos do planeta e da nosa propia terra, como achega xenuína á diversidade civilizatoria da humanidade do futuro.

Fragmento dunha foto de Martiño Picallo (Luscofusco).

2 Comments

  1. A túa reflexión paréceme moi adecuada en varios aspectos:

    1. «Imos rematar nunha diversidade de novas civilizacións (en plural), adaptadas a cada territorio e cultura»
    2. «Ten perfecto sentido falar dunha vía galega para afrontarmos a mudanza de civilización»

    Difiro en cambio, en parte, na conclusión que extraes. Acho, e talvez estea equivocado, que nas propostas que indicas hai, cando menos, dúas modalidades, unhas que seguen un modelo con pautas de organización máis específicas (as Transition Towns ou
    a Revolución Integral) que implican axustarse a un camiño case predeterminado para a consecución dos obxectivos buscados, e outras que só establecen unhas pautas xenéricas (a Decroissance, o Bo Vivir, a Via da Simplicidade) onde a posibilidade de adaptacións territoriais e/ou culturais está máis aberta, e que, polo tanto, non predeterminan un óptimo xeral senón que pode ser especifico a cada lugar. Mesmo así, como dis, tendo obxectivos en gran medida coincidentes e/ou compatíbeis, tanto dunhas como de outras se poden tomar ideas. Non creo, sobre todo no caso das segundas, que se pretendan conseguir modelos ideais. Entendo por iso que o Bo Vivir, formula un modelo decrescentista e é unha vía para a simplicidade. Ou que o Decrecemento é unha forma de vivir máis simple e que permite alcanzar o bo vivir. Ou que a Vía da simplicidade é unha das posibilidades de traballar nun modelo decrescentista e do bo vivir. Calquera modelo adaptado que beba destas tres fontes, creo que podería ser cualificado como coherente con todos eles, aínda que as respostas sexan propias e non sempre replicábeis a outros lugares.

Deja una respuesta

Your email address will not be published.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Lo último de Colapso