///

A Vía da Simplicidade (The Simpler Way)

(Texto extraído do meu libro A esquerda ante o colapso da civilización industrial: Apuntamentos para un debate urxente, recentemente publicado tamén en castelán por La Oveja Roja. Para esta versión online engadíronse ao texto orixinal hiperligazóns que permiten ampliar diversas informacións, e elimináronse algunhas notas ao pé.)

Ted Trainer, veterán autor australiano de querencias libertarias e práctica permacultural, leva uns anos promovendo, a partir da conciencia do Peak Oil e da confluencia doutras ameazas para a continuidade da civilización industrial a curto prazo, o que el denominada The Simpler Way e que poderiamos traducir coma o Camiño ou Vía da Simplicidade [1]. O que propón Trainer, basicamente, é unha alternativa práctica, concreta —e, na miña opinión, perfectamente realizable—, para abandonar o capitalismo creando institucións de contrapoder local, que igual que vimos no caso das Cooperativas Integrais, estarían baseadas na autoxestión e na cooperación, na propiedade comunal, nunha vida frugal e na democracia directa, que se constituirían nos alicerces dunha nova sociedade (civilización) poscapitalista de crecemento cero.

A súa proposta céntrase, xa que logo, en reverter a privación histórica que sufriron as poboacións con respecto aos seus propios medios para a autosuficiencia e o autogoberno. E renega para isto dun imposible produtivismo, do papel director de organizacións de vangarda e mesmo da vía estatal ao socialismo, aínda que recoñece que un Estado moi reducido nas súas dimensións podería seguir a encargarse de certas funcións centralizadas, como a coordinación dos municipios autoxestionados ou a organización da produción en determinadas industrias inviables a nivel local, pero sempre sometido ao poder das comunidades locais. A proposta de Trainer pode lembrar os conceptos de éxodo e de secesión económica, que xa foran explorados por algunhas esquerdas. Nese sentido o seu pensamento é próximo ao de John Holloway, quen impugna a idea da “revolución entendida como toma do poder e a do partido como ferramenta política por excelencia” [2]. Así, explica Holloway, na medida en que nos liberemos da necesidade de traballar dentro do sistema, estaremos máis preto da revolución que supere o capitalismo:

En ese sentido, pensemos que una precondición de la Revolución Francesa fue que en cierto momento la red social de relaciones burguesas ya no necesitaba a la aristocracia para existir. De igual modo, debemos llegar a trabajar para alcanzar el punto en que podamos decir: “no nos importa que el capital global no invierta en España, porque hemos construido una red de apoyo mutuo suficiente para vivir con dignidad”.

Tamén resulta especialmente relevante que Trainer, na liña de conceptos coma a Décroissance Joyeuse ou o Prosperous Way Down, fai fincapé en que o futuro postindustrial e poscapitalista non ten por qué ser peor, e nese sentido achega argumentos de enorme trascendencia para as esquerdas que queiran asumir valentemente o discurso de que a crise non ten remedio, e que vai acabar co noso mundo, pero que despois —máis ben namentres— podemos construír un mundo mellor e —como non esquece sinalar Trainer— máis xusto [3]:

Teremos menos cousas materiais e moitos menos ingresos monetarios pero poderemos ter moitas novas e poderosas fontes de satisfacción vital. Entre estas poderán estar: un ritmo de vida moito máis relaxado, xa que teremos que dedicar relativamente pouco tempo a traballar por diñeiro, teremos labores variados que facermos, dos que poidamos gozar e que paguen a pena, experimentando o apoio da nosa comunidade, dando e recibindo dos demais, cultivando parte da nosa propia comida, mantendo en bo uso a roupa e os aparatos vellos, levando unha vida no lar de baixo consumo de recursos e eficiente, practicando arte e labores manuais, participando nas actividades da comunidade, tendo unha rica experiencia cultural que implique festas locais, actuacións, actividades artísticas e celebracións, implicándonos no goberno do noso propio lugar, vivindo nun entorno fermoso, e especialmente sabendo que non estamos contribuíndo a empeorar os problemas globais mediante o sobreconsumo.

O pensador australiano constitúe un exemplo da coherencia que lles reclamamos aos teóricos sociais, pois co seu modo de vivir demostra que é posible unha boa vida, e como moitas persoas implicadas en modos de vida tradicional ou ecoaldeas, afirma que é posible levar vidas “idílicas” con pouco máis que unhas poucas ferramentas manuais e materiais naturais de orixe local, e sentindo a seguridade do soporte da propia comunidade. El asegura que, a non ser por uns poucos elementos como as medicinas, o seu estilo de vida permacultural nos arrabaldos de Sidney pode lograrse “sen tecnoloxía sofisticada, sen comercio internacional nin produción de masas” e cun consumo eléctrico que non chega ao 4% da media australiana [4]. E engade cal debe ser a nova perspectiva desa boa vida, moi en sintonía con outras propostas culturais para a gran transición civilizatoria que podemos remontar á subsistencia moderna que Iván Illich apuntaba como modo de vida postindustrial:

A boa vida e a boa sociedade dependen principalmente de valores e expectativas, de ter un traballo cun propósito e que pague a pena, da abundancia da comunidade e da cultura, e da capacidade colectiva para se organizar con sentido. Non dependen moito dos bens materiais, dos ingresos, da tecnoloxía moderna ou do PIB.

Trainer debulla como funcionarían estas economías locais, que beben na súa concepción tanto do anarquismo de Piotr Kropotkin e do municipalismo libertario de Bookchin, coma do movemento cooperativista internacional ou das experiencias autoxestionarias da Revolución Española de 1936-37, e que na súa opinión constituirían un certo tipo de socialismo (non autoritario, iso si) na medida en que se determina socialmente a produción, a distribución, o investimento e mais o uso dos recursos:

A nova economía estará constituída principalmente por moitas pequenas economías, economías locais, de tal maneira que os produtos básicos que necesitamos sexan producidos preto de onde vivimos, a partir da terra, bosques e [outros] recursos locais, e grazas á forza de traballo e aos coñecementos da xente do lugar.

En canto á estratexia política que propón para artellar esa nova sociedade relocalizada e radicalmente democrática, Trainer renega expresamente das clásicas estratexias de toma do poder da esquerda marxista-leninista, e propón en troques que con discreción se vaian tomando cotas de poder local paralelo ás institucións estatais ata estas afundiren ou perderen capacidade de control efectivo sobre territorios extensos. Nese sentido, as súas Community Development Cooperatives (CDCs) comezarían, por exemplo, como inocentes iniciativas de horticultura urbana, e irían asumindo progresivamente en máis ámbitos da vida local funcións sociais que o Estado e o mercado capitalista deixarían de exercer, ata se converteren no colchón que evitase un gran sufrimento social debido á Grande Escaseza que el albisca en cuestión de apenas quince anos [5]. O labor de pedagoxía revolucionaria que facían as/os anarquistas de hai un século nos ateneos ou nas fábricas —e que formaría parte do que Teresa Moure denomina a creación de “uma cultura política que permita às pessoas participarem autonomamente nas mudanças econômicas, socio-culturais e de sensibilidade vinculadas à nossa relação com a natureza” [6]—, agora el propón facelo nas hortas comunitarias, nas redes de sementes, nas cooperativas, nos grupos locais consumo ecolóxico ou de voluntariado ecolóxico e social de todo tipo que constituirían as pedras sobre as que erguer as súas CDCs. Concordo con el en que son sen dúbida este tipo de proxectos e colectivos o máis prometedor terreo para a revolución.

Velaí estaría no que se diferencia das propostas de Enric Duran, e que eu localizo principalmente en dous aspectos fundamentais: 1º) Trainer é moito máis consciente da inminencia das crises en confluencia: climáticas, enerxéticas, etc. 2º) El busca expresamente substituír rapidamente o Estado e non simplemente ir creando modelos de referencia de como vivir sen capitalismo e sen Estado. Neste último punto tamén difire radicalmente dun movemento, o das Transition Towns, que el defende pero tamén critica con contudencia pola súa indefinición política e pola renuencia expresa de abordar a cuestión do poder político [7], postura na que cada vez atopa máis sintonías dentro do propio movemento das TT. O autor australiano é moi consciente da necesidade non só de que as iniciativas de base como as que el formula teñan unha actuación importante no terreo político, senón que desde o terreo político se incorporen os conceptos e visións precisos para apostar por esta vía [8]. Aínda así, tanto no Simpler Way coma nas TT non se albisca unha vía clara de abordar os límites da acción local e actuar sobre as dinámicas de escala mundial coas que interactúa necesariamente esa escala local á que están absolutamente enfocadas —como poden ser a emerxencia de fascismos e de conflagracións bélicas xeralizadas—, e tampouco cómo abordar a cuestión do poder e a violencia. Porque, como di acertadamente Yayo Herrero [9]:

Son necesarios los cambios por arriba y por abajo y debemos ser conscientes de las falsas dicotomías que también pueblan el panorama de los movimientos político-sociales. En nuestra opinión la autoorganización no se contrapone con la representación. Los proyectos locales y autogestionados firmemente anclados en los territorios, son vulnerables si no se actúa también en la escalas macro. Una ecoaldea consolidada, por ejemplo, puede arruinarse si se ponen en marcha prospecciones petrolíferas o proyectos de fractura hidráulica en algún territorio cercano. También es cierto, que las transformaciones en el ámbito institucional, sin «pueblo» que las defienda y presione para conseguirlas son poco probables.

Outra crítica que recibe o modelo de Trainer desde posicións de esquerda é que non renuncia á existencia da propiedade privada, aínda que el a limita á existencia de pequenas empresas coordinadas dentro do marco xeral cooperativo e comunal definido democraticamente por cada localidade. Tamén se lle ten criticado que segue confiando na produción fabril, se ben nunha escala moi reducida, o cal asume a sustentabilidade e a neutralidade da técnica. Con todo, é algo que achamos tamén nas Cooperativas Integrais, nas Transition Towns ou nas propostas ecosocialistas. Tampouco aborda en profundidade qué facermos coas grandes cidades no contexto postindustrial.

Pero volvendo ao obxectivo que nos debuxa Trainer, dinos que se logramos realizar unha óptima transición a este novo mundo postindustrial chegaremos a gozar de sociedades caracterizadas por [10]:

  • Un alto nivel de autosuficiencia.
  • Frugalidade.
  • Localismo.
  • Cooperación.
  • Unha economía orientada á satisfacción das necesidades humanas.
  • Autogoberno.
  • Un novo conxunto de valores.
  • O renovado papel da terra como riqueza fundamental das sociedades humanas.

Achamos moitos ecos do municipalismo libertario nesta proposta, actualizada coa consciencia e a urxencia do colapso ecosocial. Explica Alfonso López Rojo que [11]:

Murray Bookchin consideraba que para poder alcanzar el ideal comunalista se debía de poner en marcha un movimiento municipalista amplio formado por personas decididas a trabajar en su ámbito más próximo. Animaba por ello a que los colectivos libertarios participaran en los comicios locales con programas inequívocos a través de los cuales se pudiera comenzar a recorrer el camino para que los municipios llegaran a ser gobernados por las asambleas populares y la democracia directa. A falta de esa posibilidad, animaba a crear asambleas extralegales ejerciendo como contrapoder.

É inevitable pensar nas Transition Towns, nas CDC de Trainer, nas cooperativas integrais ou nas propostas parroquialistas directodemócratas e decrecentistas do Partido da Terra cando relemos a Bookchin.

Entre todas elas coido que a de Trainer é unha das propostas teóricas actuais que mellor combina unha análise realista e crúa da situación civilizatoria cunha estratexia completa e coherente con esta análise [12]. Emporiso, acho que hai certos puntos importantes nos que se debería mellorar, como a súa excesiva confianza en que os Estados carecerán dos mecanismos suficientes para poder esmagar os proxectos locais que escapen ao seu control. Trainer conta con que a Grande Escaseza que nos agarda vai facilitar o progresivo trasvase dunha cantidade maior de persoas cara a estes modelos, e aí concordo con el, pero non teño tan claro que isto impida dunha maneira tan absoluta a continuidade de institucións coma o Estado capitalista e de valores agora predominantes coma o individualismo. Tampouco se analiza no seu traballo, coa atención que na miña opinión merece, a posibilidade de que cando os estados centralizados colapsaren, xordan señores locais da guerra, mafias ou enclaves onde se manteñan os privilexios da clase dominante.

Finalmente, o propio Trainer, comparando a súa proposta cunha referencia de primeira orde para el, como son as experiencias anarcosindicalistas na Revolución Española de 1936-37, recoñece que tal tipo de logros requiren que haxa un importante nivel de concienciación, cooperación e responsabilidade na cidadanía. E indica que é labor precisamente da esquerda contribuír a ese cambio de valores na sociedade [13].

Ted Trainer

Notas

  1. ^ A idea está desenvolvida en detalle, xunto cunha notable análise da situación de colapso inminente do capitalismo industrial mundial, no seu libro The Transition to a Sustainable and Just World (2010), que será publicado en castelán proximamente baixo o título de La Vía de la Simplicidad.
  2. ^ Amador Fernández-Savater: Entrevista a John Holloway: “Podemos o Syriza pueden mejorar las cosas, pero el desafío es salir del capitalismo”, El Diario (30/07/2014).
  3. ^ Trainer: The transition…, op. cit. p. 11.
  4. ^ Trainer: “A limits to growth critique of the radical left: The need to embrace the simpler way”, web de The Simpler Way, University of NSW.
  5. ^ Nese timing coincide cos meus propios cálculos.
  6. ^ Teresa Moure: “Este reto ético é crucial na historia da humanidade”, Galiza.posPetroleo.com (24/10/2013).
  7. ^ Trainer: “The Transition Towns Movement: Its Huge Significance and a Friendly Criticism”, Culture Change (10/02/2010). É precisamente por ese apoliticismo explícito polo que non considerei acaído incluír as TT na miña análise dos movementos socio-políticos conscientes do colapso, aínda que si as menciono en repetidas ocasións pola súa relevancia e éxito.
  8. ^ Trainer: “A Limits to Growth Critique of the Radical Left…”, op.cit.
  9. ^ Yayo Herrero: “Reconocer la interdependencia”, Decrecimiento.info (02/01/2015)
  10. ^ Trainer: The transition…, op. cit., p. 240.
  11. ^ Alfonso López Rojo: “Murray Bookchin: comunalismo, naturaleza y libertad”, blog persoal (05/06/2011).
  12. ^ Polo de agora é unha proposta principalmente teórica, e o propio autor non ten constancia que se estea desenvolvendo en experiencias prácticas. Porén, dado o seu carácter de estratexia que non se anuncia publicamente, —nese sentido diferénciase doutras propostas como a Revolución Integral e das Transition Towns, que son proxectos que se mostran moi abertamente— senón que parte de experiencias como hortas comunitarias, proxectos de transición, ecoaldeas, etc. para dotalas dun obxectivo máis profundo e dunha praxe política moi clara, resulta difícil cuantificar cantos dos proxectos hoxe en marcha no mundo destes tipos están sendo inspirados ou trazados con base nas propostas de Trainer. Así, Trainer sinala exitosos proxectos de redes de ecoaldeas en países como India, Senegal e Cimbabue como algúns dos que máis se poderían achegar ao seu Simpler Way (com. pers., 24/02/2015).
  13. ^ Trainer: “A Limits to Growth critique…”, op.cit.

Deja una respuesta

Your email address will not be published.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Lo último de Colapso