////

Reflexións en relación ao Teito do petróleo e o Nodo Gallæcia da chamada Revolución Integral

Os seguintes apontamentos foron tomados na viaxe en tren a/desde Vigo para participar como representante de Véspera de Nada, colectivo convidado ao I Encontro do Nodo Gallæcia da Revolución Integral que tivo lugar este pasado domingo 16 de xuño en Vigo.

Apuntamento 0

As condicións ambientais-vitais nas que existe unha sociedade humana (p.ex. a dispoñibilidade de enerxía e recursos, a densidade demográfica, o clima…) constitúen un factor determinante na configuración de boa parte dos valores culturais prevalecentes nesa sociedade. Así, un entorno onde os recursos son escasos e precarios, e onde é imprescindible o labor en común para as tarefas agrícolas, para a defensa e para outros aspectos básicos da vida, favorecerá o xurdimento e consolidación dos valores de contención, frugalidade/austeridade, solidariedade, apoio mutuo, salvaguarda dos recursos para as xeracións vindeiras, etc. Por contra, unha exuberancia de enerxía e recursos como tivo a sociedade industrial occidental ata o de agora, favoreceu o auxe e predominio do desbaldimento (usar e tirar), o individualismo, o consumo desenfreado… É dicir, o medio condiciona a escala de valores predominante nunha sociedade, a súa moral social.

Apuntamento 1

Medra en min a impresión de que as experiencias que parten dun nodo seminal pretendendo espallar desde el —con funcións de coordenación ex ante— outros nodos para conformar unha pretendida rede, non son senón reformulacións do vello método top-down, dirixista, de crear as cousas desde riba, estabelecendo xa de partida unha xerarquía artificiosa e contraditoria co propio concepto de rede. O que precisamos neste intre histórico non son nodos nacionais dos que parta unha revolución que se espalle dando pé a experiencias locais fillas, senón que precisamente debemos partir primeiro da construción desas alternativas locais concretas, reais e previas, ubicadas principalmente no rural, que sexan independentes, autónomas e necesaria e sanamente heteroxéneas, que unha vez funcionando (ou mesmo nas súas fases de posta en marcha, por que non?) xa se darán a coñecer entre si e compartirán experiencias e recursos con outras ao seu mesmo nivel, chegando mesmo á creación de nodos coordenadores compartidos ex post. Pero se tentamos o contrario coido que non vai funcionar, pois conformaríase xa de partida, no canto dunha rede, unha estrutura conceptualmente vertical por moito que non queiramos impoñer criterios de dependencia orgánica xerárquica entre os diversos nodos fillos e o nodo pai.

Apuntamento 2

Mentres estea inspirada esta chamada Revolución Integral por persoas como Félix Rodrigo Mora (que pon en dúbida non só que esteamos xa nun contexto de peak oil, senón o mesmo concepto de finitude deste recurso e que dá crédito á teoría da súa orixe abiótica ou ás novas andrómenas do sistema capitalista-industrial que pretende que confiemos na capacidade p.ex. do fracking para asegurarnos décadas de rebordante enerxía) ou Enric Durán (que aínda que me asegura xente que o debe coñecer ben que é moi consciente da realidade do peakoil e que «todo o seu activismo dos últimos anos comeza motivado polo peakoil e a crise enerxética», tiven eu a impresión cando o coñecín en persoa hai poucos anos que non o consideraba un factor que fose incidir a curto prazo na realidade social), coido que non vai ser a estratexia axeitada, aínda que si poida ser parcialmente útil e pague a pena acompañala para tentar influir nela coa mensaxe do colapso enerxético, sobre todo para modular a súa estratexia e adaptala aos tempos do colapso en curso e á propia inminencia histórica das súas fases máis graves.

Teño para min que un modelo máis axeitado á realidade e urxencia deste colapso é o Simpler Way do australiano Ted Trainer e as súas CDC. Puiden comprobar que hai xente implicada no nacemento en Galiza desta denominada Revolución Integral que consideran que o modelo da CIC catalá non é extrapolable a Galiza, e penso que sería moi útil presentarlles as diferenzas entre as CDC de Trainer e a CIC de Durán e compaña: ogallá teña o tempo de facer esa análise comparativa de contado e espallar o modelo que defende o pensador e permacultor australiano.

Apuntamento 3

Aqueles aos que a dúbida acerca da existencia do problema do peakoil ou da inminencia das súas repercusións máis graves sobre a nosa civilización os leve a desbotalo como factor relevante nas súas estratexias revolucionarias, convidaríaos a empregaren como ferramenta de análise o método dos escenarios:

Actuamos considerando real e inmediato o peakoil Non actuamos téndoo en conta e seguimos outros ritmos e estratexias
Resulta ser certo un peakoil inmediato Salvamos vidas e maximizamos as posibilidades da nosa revolución trunfar A estratexia revolucionaria é anulada polas consecuencias dun peakoil que non tivemos en conta. Millóns de mortes e incontable sufrimento. Probable extinción da nosa especie.
O peakoil chega pero máis tarde ou as súas consecuencias non son tan tráxicas Teríamos adiantado, acelerado a transición, a revolución necesaria. Contribuiríamos a combater a outra cara do problema do peakoil: a mudanza climática A revolución pode chegar seguindo o seu camiño inicial, pero máis tarde que si tivésemos en conta o peakoil como algo inmediato
Non resulta ser certo o peakoil ou fica anulado por un miragre tecnolóxico Teríamos adiantado, acelerado a transición, a revolución necesaria. Contribuiríamos a combater a outra cara do problema do peakoil: a mudanza climática A revolución pode chegar seguindo o seu camiño inicial, pero máis tarde que si tivésemos en conta o peakoil como algo real

Este prantexamento das diferentes posibilidades que se poden dar na realidade e das consecuencias de elixirmos unha ou outra estratexia penso que non debería deixar ningunha dúbida aos estrategas das pequenas e grandes revolucións: non hai nada que perder tendo en conta o peakoil, todo o contrario, porque aínda que fallásemonos nas nosas predicións e cálculos, axudaría a acelerarmos a independencia con respecto ao capital e o Estado e a funcionarmos pola vía do Decrecemento cara un mundo rural, local e con moito menor consumo. É precisamente non tendo en conta o peakoil, deixando que a falta de certeza ou a complexidade do problema nos paralice, como podemos perdelo todo, non só a nosa devecida revolución senón o conxunto da Humanidade.

Apuntamento 4

Se dunha xuntanza tan multitudinaria como a do 25 de xullo de 2012 na Gentalha do Pichel, a que tiña que botar a andar unha futurible Cooperativa Integral Galega (posteriormente bautizada como MIGA), e tras un ano de labor, non saiu nada efectivo e máis ben quedou o potencial organizativo diluído, deste chamamento á Revolución Integral en Galiza (moito menos exitoso en número de asistentes) temo que tampouco vai saír moito, polo menos no terreo práctico, aínda que se cadra serve como novo proceso de reflexión e debate entre certos grupos activistas do país. Sería eu partidario de deixarmos un pouco de lado estes experimentos importados e buscar a nosa propia vía á revolución necesaria, recombinando os memes propios e alleos cara unha evolución cultural e política de noso, adaptada ao noso medio natural e social, tendo en conta o territorio, a lingua, as loitas actuais e futuras (tamén o pasado), a mentalidade local, a distribución poboacional, a extensión da galeguidade fóra da comunidade autónoma (Portugal, territorios estremeiros, diáspora…), ónde está ubicada a nosa potencia activista e os potenciais aliados, etc. etc. E unha parte fulcral desta construción dun modelo galego para a revolución sería considerarmos todo o que configura o mundo mental galego de cara á batalla semiótica desta guerra final. Xa que debe ser unha revolución antropolóxica, non podemos deixar de darlle un baseamento antropolóxico.

Apuntamento 5

Constato novamente a eiva da especie humana, que non é quen de adaptarse ás condicións que non ve diante de si. Os que tentamos (se cadra sen demasiado éxito) superar esa eiva en nós mesmos non podemos evitar a frustración cando falamos con quen aínda non entrou nese camiño evolutivo. Esa é tamén a revolución que fai falla, a máis difícil se cadra.

1 Comment

  1. Estimado Manuel , como sabes eu tamén estiven na reunión para a creación do Nodo Gallaecia, estiven todo o dia, e estiven logo de que ti te foras , momento no que foi leido o documento de base para a creación do nodo , foi debatido e aprobouse.

    Resulta realmente curioso a reacción da xente , non houbo nin unha sola critica, aclaración, puntualización a ningún dos puntos dos que se fixo lectura publica, so o final cando se produciu a votación surdiron dudas , e todas viñan dadas por que non sabian exactamente cal e a funcion do nodo.

    Penso que por algunha razón os explicantes do tema daban por suposto un coñecemento mais profundo do concepto de revolución integral por parte dos participantes o mesmo se trabucaron no xeito de transmitila idea.

    O caso e que logo de arduas deliberacións por fin conseguiron transmitirlle a idea clara a todos os presentes, o nodo non debe ser unha ferramenta da transmisión de ideas ou xeitos dende un nodo superior , senon que debe ser unha ferramenta para o desenrolo das ideas e os conseguintes debates mesmo para conferir unha ideoloxia común.

    O mais grave problema que ten a revolución integral e que non esta feita unha revolución da conciencia de cada un , os xeitos de manipulación das conciencia levan tanto tempo facendoo e teñen tantos medios que a base humana da que partimos para unha revolución posible e de unha calidade infima.

    Si non se produce unha revolución consciente das personas toda revolución antropoloxica dirixida a manter uns niveles de vida ou mesmo a vida esta condenada o fracaso pois si elementos basicos para unha revolucion posibel como o amor , a solidaridade, o esforzo desinteresado, o ben comun, o respeto os iguais,ect non son siquiera considerados , o ser humano poderá conquerir algun tipo de reforma do sistema dominador para facelo mais soportabel , pero xamais poderá derrotalo.

    E necesario que se produza unha revolución da conciencia mediante a formación etica e moral do ser humano, leendo de xeito adoctrinal os escritos de Felix , a Heleno Saña , Felix Martí, ect, e formar grupos de estudio , debate e desenrolo de ideas novas , estamos un momento unico da historia no ano 2013 e con circunstancias propias do ano 2013 e seguimos doctrinas e panfletos do seculo dezanove.

    Os elementos dominantes depuran os seus xeitos de opresión mediante a millora constante das suas armas tanto ideologicas como adoctrinantes e nos seguimos os mesmos panfletos decimononicos que os mesmos entes dominates nos fixeron seguir.

    Fan falla mentes lucidas que poñan en dubeda constante o sistema , abertas e dispostas a loita intelectual.

    Esto non e mais que un paso.

Deja una respuesta

Your email address will not be published.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Lo último de Colapso