//

Contra os símbolos da nación (co gallo do 25 de xullo)

A bandeira da nosa nación non é ningunha das que historicamente lle corresponden, senón que é a bandeira dunha das nosas provincias marítimas (a cal, aínda por riba, nin tan sequera é a orixinal senón que fora modificada polas autoridades españolas diante da presión do goberno ruso), asumida como bandeira do país pola ignorancia que os emigrantes tiñan do noso pasado histórico como Reino. E aínda a día de hoxe seguimos portando esa vergonza con bochornosa fachenda… mesmo adornada coa revolucionaria estrela vermella de cinco puntas do socialismo. Se teimamos en seguir autodescoñecéndonos… como deixaremos algún día de autoodiarnos?

O escudo do cáliz é froito da ignorancia dun autor estranxeiro de armoriais que ao non saber cal era o símbolo heráldico do noso Reino, botou man da imaxinación e da semellanza entre as palabras Galice e Calice na súa lingua. E de novo asumiuse como propio o froito dun erro e da ignorancia, neste caso allea, e aínda por riba facemos a imaxe do goberno a base dela. Parvos de nós, aínda pensando que temos algo que ver co Santo Graal, o Rei Artur ou se cadra con Indiana Jones!

O himno da nación é abstruso de máis, e ao cantalo… alguén sabe o que dicimos? Non semella obvio, e requere unha análise literaria do poema de Pondal saber quen carallo son os rumorosos e outras crípticas metáforas incluídas… O significado só é comprensible a medias e de xeito xeral e polo tanto pouco merecente da categoría de himno da nación, na miña opinión.

E para rematar celebramos o Día da Patria no día do Santo Patrón de España, un pescador de Galilea chamado Yaqob bar Zibhd, cuxo corpo seica chegou a terra galega mediante un inverosímil miragre espallado pola igrexa católica e que é símbolo da limpeza étnico-relixiosa antimusulmana que levaron a cabo os nosos queridos e castrantes Reis Católicos (a cal nos venderon como Reconquista) e que, aínda por riba, representa unha continua negación da realidade de Prisciliano (mártir a mans da mesma igrexa, que ben podería ser quen merecese a homenaxe de ser o noso patrón oficial e de poñer data á festa da nación) así como do significado ancestral (prehistórico?) do Camiño. Asentar o Día Nacional nesta invención do corpo de Sant’Iago en Compostela (nada que ver con miragreiros campo de estrelas, é un simple hipocorístico femenino galego que deu nome a un lugar), é unha vergonza engadida sobre a vergonza. Ten a nosa Patria ou Matria efemérides de sobra que merecen tal celebración sen ter que recorrer a esta andrómena católico-españolista. A min Yaqob bar Zibhd non me merece adicarlle o Día de Galiza, con todos os respectos á súa figura histórica como apóstolo de Xesús de Nazareth: nunca lle atopei relación con Galiza merecente de que sexa patrón noso nin a súa festividade (cristiá, relixiosa por tanto) a festa da patria.

Mentres a nosa nación e o noso nacionalismo non se desprenderen destes vergoñentos símbolos, coido eu que non dará avanzado nin se poderá tomar totalmente en serio a si mesma. Os símbolos son elementos semióticos e culturais chave para a nosa interpretación do mundo e de nós mesmos, e se partimos destes símbolos trapalleiros, ridículos ou negadores da nosa historia… como imos comprender quen somos?

2 Comments

  1. Outro aspecto do himno que é vergoñento, e que se cadra poderiamos sinalar como outro ridículo icono do país, é o nome de Breogán, cuxa pronuncia como palabra aguda non sei quen inventaría, pero que vai contra a lingüística céltica, ata onde eu sei. Moi probablemente o nome sería Bréogan. Pero non, por algunha escura razón témolo no imaxinario colectivo xa metido como Breogán, para bochorno dos nosos antergos.

  2. Gustaríame saber máis sobre a orixe do nome de Breogán e como se coñecen eses datos, se algún me puidese responder, Grazas. Dito esto, respecto ao texto, estou d´acordo co da bandeira, que non se representa a Galicia nela, supoño que a bandeira que te refires é a bandeira marítima da Coruña, que as cores son nversas a de Escocia. Personalemnte a min, esa bandeira gustaríame pra Galicia, aínda que se se puidese votar, seguramente o fixera pola que ten o escudo de Castelao, aínda que teña pouco ou case nada que ver ca nosa historia. Podo estar d´acordo tamén en que o día de Galicia é 1 erro, tampouco teño moito coñecemento de porque se celebra exactamente ese día. Pero, na miña opinión, o noso hino é o máis fermoso dos que levo escoitado na miña vida, ademáis de reflectir o noso pasado Celta. Tódalas persoas novas, na escola estudan a Pondal e o poema dos Queixumes, polo que todos teñen coñecemento de todo o significado do poemario, metáforas incluídas. Creo que un hino que fala da nosa terra, do noso pasado Celta, da nosa cultura, é un hino que ten moito que ensinarlle a moitas culturas que só saben falar de guerras, de ser os millores, e aplastar o inimigo… Un Saúdo.

Deja una respuesta

Your email address will not be published.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Lo último de En galego