///

Que xustifica a estatofobia?

Algo que non comparto co pensamento anarquista clásico e de pensadores-activistas actuais como Félix Rodrigo Mora ou Enric Duran que non se declaran abertamente anarquistas, é a súa fobia ao Estado. Coido que non se xustifica a demonización dunha estrutura política simplemente pola estrutura, como non se xustificaría unha condea xeralizada da economía que non estivese baseada no seu contido capitalista. O que quero dicir é que se condeamos o sistema económico capitalista será precisamente porque é capitalista, non porque sexa un sistema económico. Do mesmo xeito deberíamos codear un Estado non democrático, por esa característica, non porque sexa un Estado. O Estado é unha estrutura que pode servir (cando menos na teoría) a diferentes intereses, non coma o capitalismo, que só pode servir aos intereses duns poucos pola súa propia definición.

Na miña opinión a forma estatal non é intrinsecamente maligna, como o anarquismo nos quere facer ver. E mesmo a vexo aproveitable se trocamos o seu modo de gobernarse. Comprendo que dado que todos os Estados coñecidos ata o de agora foron moi pouco democráticos, se identifique esa característica co sistema, pero penso que esa falta de democracia non era debdida ao corpo estatal senón ao cerebro que o controlaba (unhas ou outras élites). Xa que logo defendo que é factible un Estado verdadeiramente democrático, como veño propugnando desde D3. Non me parece mal o sistema asamblear e de soberanía local confederada que propugnan Rodrigo Mora, Durán e en xeral os libertarios. Pero tampouco vexo insalvable o modelo estatal, de feito podería ser unha vía menos custosa (en todos os sentidos) aproveitar o hardware estatal trocándolle o software que o controla, que formar esa nova e inmensa rede da autoxestión desde abaixo. Ao contrario ca eles, penso que a democracia directa e o Estado son compatibles, e a vía para facelo serían as NTIC, nomeadamente Internet e outras vías telemáticas coas que facermos posible unha asemblea a nivel estatal asíncrona e permanente para controlarmos os cidadáns todos os aspectos do Estado. Esta hipótese é o que está na base de Democracia Directa Digital (D3), o antipartido que axudei a crear xa hai uns anos e cuxas ideas resoan agora en múltiples iniciativas nadas á calor do Movemento dos Indignados.

Desde logo o progresivo colapso tecnolóxico e industrial que xa comezamos a albiscar fai que esta posibilidade de conxugarmos Estado e Democracia (real) se vaia afastando cada vez máis, pero aínda é factible, na miña opinión: aínda estamos a tempo. Por suposto a proposta de democracia local de tipo asemblear é máis resiliente no sentido de que non precisa de avanzadas tecnoloxías e dun consumo enerxético de dubidosa duración para realizarse. Pero é isto o que a faría en todo caso preferible, e non que o modelo Estado sexa negativo per se.

Non se trata de ser estatólatra pero tampouco vexo xustificada a estatofobia.

5 Comments

  1. Se nos fixamos no instrumento e non en quen o dirixe, o combate penso que estará estratexicamente errado. Viría sendo como tentar acabar coa violencia loitando simplemente pola erradicación das pistolas. Os violentos acabarían usando calquera outro instrumento, ou mesmo se beneficiarían de que o pobo non puidese contar con elas para a súa defensa (co Estado podemos pensar o mesmo: é un instrumento que tanto pode ser controlado por uns coma por outros).

    Pode haber Estado sen capitalismo? Pode.

    Pode haber Capitalismo sen Estado? Tamén. Velaí temos as propostas dos libertarians (anarquistas de dereitas).

    Xa que logo, aínda que a proposta da desaparición do Estado me parece moi interesante e unha opción moi válida, penso que non se debe converter no obxectivo final da guerra actual.

  2. Estimado Manuel, Felix Rodrigo Mora non e anarquista, e non predica o anarquismo , e mais repudia o anarquismo por que predica o maior dos egoismos, FRM predica o goberno mediante 80.000 asambleas populares , e iso non e anarquia e goberno lexitimo , directo e realmente democratico, iso ningun estado o permitirá , pero ademais predica un cambio total na sociedade e na forma de vida das persoas con unha volta o campo, con unha vida mais frugal, un modo de vida parecido o que houbo no mundo canda de verdade as xentes eran libres , e nese sistema non cabe un estado tal e como esta montado hoxe o tinglado.

  3. Amigo, se Félix Rodrigo Mora ten esa vision do anarquismo a verdade é que non entende un carallo de anarquismo… a non ser que tome o anarquismo individualista como o único anarquismo posible. A min moito do que lle teño lido (se cadra demasiado fragmentariamente) sóame ás propostas anarcosindicalistas clásicas e ao que puxeron en práctica durante a Revolución de 1936-1937 moitos colectivos anarquistas, nomeadamente a CNT, en diversos puntos de Aragón, Cataluña… Se cadra o Sr. Rodrigo Mora debería estudar algo mellor a nosa historia. Ou se cadra es ti que o interpretaches mal, porque xa digo que eu non lle teño lido iso que dis ti. Poderías dar algunha referencia concreta?

  4. «non cabe un estado tal e como esta montado hoxe o tinglado» velaí o milo do asunto. Tal e como está montado non cabe, non. Pero por que non montármolo doutro xeito? Xa teño escrito abondo sobre as posibilidades de introducir a democracia directa nas institucións mediante as que se goberna o Estado, así que non me extenderei aquí novamente. Simplemente, insistir en que na miña opinión outro Estado (realmente democrático) é posible.

  5. Para Manuel Amigo, dicir que non tes ben lido a FRM. O que repudia Félix do anarquismo é precisamente a liña individualista dalgúns anarquistas. Eu concordo en que o anarquismo non é únicamente liberdade individual, todo o contrario. É por iso que o comunismo libertario é unha maneira de definir un anarquismo social que fala da libre asociación de comunidades libres que se articulen ou federen como queiran e mesmo artellen os «organos de goberno» que consideren oportuno sempre e cando a cousa sexa horizontal e directa. En canto ao estado como feramenta ou estructura que pode servir a determinados fins, teño que dicir simplemente que o estado non é nen foi nunca cousa do pobo. Todo o contrario, sempre foi o seu opresor. A configuración dos estados modernos impúxose por unhas élites con intereses particulares, imperialismo económico e político, con mares de sange popular. Ademáis a «razón de estado» e o «estado de dereito» son todo o contrario á razón do pobo e as fronteiras arbitrarias que impón un insulto á intelixencia. Vaia é un corsé no que trepar e impoñer. Non é necesario ese corsé para que o pobo se organice libremente e xestione de modo responsable a súa vida. Dende o traballo á sanidade ou o lecer. O anarquismo é unha porta aberta ás infinitas posibilidades dunha sociedade libre, ou cando menos, moito máis libre que a que propón/impón o modelo estatal. Un pobo verdadeiramente libre nunca necesitaría artellar nada parecido.

Deja una respuesta

Your email address will not be published.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Lo último de Colapso