//

Pescuda lingüística: a palabra ‘ghabalulo’ (I)

Quero continuar co actual paréntese dos graves temas que veño tratando neste blog nestes últimos tempos para retomar unha das miñas querencias: a lingua.

Sobrado dos Monxes (foto)E fágoo para continuar unha pescuda que de maneira intermitente e desorganizada veño facendo desque comecei a usar Internet alá polo ano 90 e poucos. Sempre me intrigou cal podería ser a orixe dunha palabra que escoitei durante a miña infancia na miña casa, e que nunca ningún filólogo me soubo explicar nin coñecín galegos fóra da miña familia que a empregasen. A palabra é: gabalulo (pronunciado con gheada coma meus pais, ghabalulo).

Gustaríame facer agora a pescuda dunha maneira máis artellada aínda que non chegue ao rigor que tería a dun filólogo.

Comezarei achegando o significado que me foi trasmitido, como testemuña lingüística de primeira man, para a continuación solicitar a colaboración dos internautas galegos que poidan ter escoitado ou mesmo usado esta palabra, para que engadan como comentarios o que eles saiban e coñezan sobre este termo.

Nunha seguinte fase, e unha vez analizadas estas achegas que espero receber, verei de lle dar forma a unha hipótese sobre a orixe etimolóxica da mesma.

Velaquí vai logo o primeiro dato, para dar comezo á pescuda. Eu lembro ser esta palabra sobre todo usada na miña familia (procedente da conca alta do Tambre, concretamente da vila de Sobrado e da parroquia lindeira de Andabao pertencente a Boimorto) con nenos e rapaces, cun significado que tería dous matices: por unha banda a dun ser que asusta aínda que de xeito case sempre divertido (significado máis substantivo) e por outra a dun neno ou nena que fai algunha lene trasnada pero no fondo divertida e simpática (significado máis adxectivo).

Darei algúns exemplos, aínda que coa advertencia de que os anos trascorridos poden facerme incorrer en bastantes imprecisións:

  • «Serás ghabalulo!» (Expresión dirixida ao neno/a despois dunha trasnada simpática. Serve para berrarlle pero tan lenemente que case é un aloumiño; é un reñer de broma, non en serio nin con enfado.)
  • «Mira o ghabalulo onde estaba!» (Dito dun neno ou un gato ou cadelo que faltaba e andaba agachado.)
  • [Actualizado 30-03-2011] «Ou, ghabalulo!» (Especie de chamada de atención, na que se usa como apelativo de certo agarimo.)
  • «Xa está facendo o ghabalulo!» (Podería dicirse dun rapaz que se disfraza para asustar aos rapaces máis pequenos.)
  • «Quita de aí, ghabalulo!» (Resposta a un neno que nos acaba de asustar.)
  • Tamén cría lembrar frases do estilo de «Vai vir o ghabalulo por ti!» pero cando o quixen contrastar con meus pais, negaron que se lle dese ese uso, así que ou me falla a min a memoria ou a eles.

Tes ti escoitado ou lido algunha vez esta palabra en galego? Se cadra noutras linguas? En que lugar? Algunha outra semellante? Se é así agradeceríache deixares un comentario ao pé.

Grazas de antemán pola vosa colaboración, e a ver se entre todos descubrimos o que pode significar realmente e de onde procede.

8 Comments

  1. A intención tamén de publicar este post é de que cando algunha outra persona faga o que fixen eu e procure na WWW por esta palabra poida dar con esta páxina e compartir o que coñeza dela. Penso que a Rede pode achegar moito a este tipo de procuras lexicográficas. Veremos se neste caso dá froito! 🙂

  2. A maior parte da xente consultada estame a dicir que non coñece, que nunca escoitaron a palabra.

    Baldomero Iglesias, o coñecido mestre e cantor, escríbeme desde Mesía o seguinte:

    Ghabalulo é verba con moita sonoridade e, penso, que determina afectos próximos como: galván, ghalopín, gharleiro, buligán, fervello, ghandulo, nughallán, …sempre con un carácter entrañable porque a significación máis próxima é a de ghaballoso=murmurador, e ten por alí ghabadela, gabanza daquel que se eloxia moito. Supoño que será unha verba dos encontros familiares que transcenderon ao zonal, e de aí ao ámbito de relación próximo e entrañable, como palabra recurrente para aloumiñar a presenza dun ser querido. Eu nunca sentira esa palabra e preguntei por aquí por ela á xente e tampouco sabían.

  3. Eu sobre a relación de g(h)abalulo con g(h)abar (que xa me ten suxerido algunha outra xente) e que nos podería facer interpretar a verba como adulador, penso que é posible… mais sóame un tanto difícil de derivar, xa que «-lulo» non é un sufixo habitual no galego, que eu saiba, e en troques «-ulo» si que podería ser, o cal deixaría a raíz da palabra como «gabal-» e non «gabar».

  4. Tamén me comentan especialistas da cousa da lingua que o termo non aparece no TILGA.

    Dime Paco Fernández Rei:

    deixeiche o recado a Antón Santamarina para que me mirase, e dime «»Nunca tal oín. E non atopo nada no TILGA» (…)
    A palabra túa esa o que se me ocorre é que, en principio, sexa un derivado de «ghabar». Supoño que por Sobrado dise «gabar» e non o sinónimo «chufar» da xente de Lugo.

  5. Efectivamente, eu ghabar coñézoo, aínda que non sexa palabra moi frecuente no uso da miña familia na actualidade. Tamén coñezo louvar máis non sei se por lecturas ou por escoitalo. O que nunca escoitara era o de chufar.

  6. A verdade é que estou recibindo achegas de moito nivel para a miña pescuda. Velaquí a de Gonzalo Navaza, que tiven grazas á colaboración de Isabel Mociño:

    Estiven mirando en fontes lexicográficas romances e non atopei nada parecido. Así que de momento hai que declarala “palabra de orixe escura ou descoñecida”. Voulle preguntar a Santamarina, a ver se o ten rexistrado.

    Postos a buscarlle unha hipótese etimolóxica, creo que sería cousa de estudar se non será un dos moitos representantes da familia de GARABULLO, GARABIZO, GARABATO, CARABULLO, CARABITO, GARABITO, GARABOLO ‘pau pequeno’, ‘leña miúda’ etc. (a metátese de -R-B- / -B-R- nese contexto non é rara, e desde *GABARULO é fácil que se altere en GABALULO por asimilación de líquidas).

    Esa metátese de -R-B- / -B-R- (de GARAB- en GABAR-) ten paralelo na vacilación *SAMARUCUS / *SARAMUCUS, voz hispánica prelatina que significa ‘cría de calquera peixe’ e por extensión ‘calquera cousa pequena que se move ou axita’, que en castelán dá JARAMUGO e en galego SAMARUGO e supoño que outras variantes. Xa postos, por fonética e por semántica tampouco é inverosímil que GHABALULO teña relación con estas formas, así que xa temos dúas hipóteses. Con todo, de momento hai que dala como palabra de orixe escura. (…) non vaia ser unha forma exclusiva da familia… En Lalín, sendo eu pequeno, había uns irmáns da miña idade que lles chamaban paparrulos aos paporrubios, para risa dos amigos, e un día descubrimos que era cousa familiar (tamén o dicía o pai), pero non viñeran de fora, os pais, os avós, bisavós e trasavós eran da zona…

    Non vaia ser un arxentinismo… alí creo que CABARULO vén sendo o que en español chaman chiringuito

    Sobre a posible relación cun alterado gharabullo estrañaríame, xa que nesa zona chámanlle así, sen alteración nin vacilación na posición do R e o B, e polo tanto non lle vexo eu moito sentido a que xordise unha palabra vía gharabullo -> *ghabarulo, que aínda por riba requerería un paso do LL->L e outra posterior alteración do R para o L… demasiados trocos na miña opinión, sobre todo cando a palabra presuntamente orixinal (gharabullo) se segue a conservar tal cal na zona.

    E si, ando a tentar confirmar outra xente de Sobrado ou Boimorto que empregasen a verba fóra da familia directa.

  7. Perdoa a demora en revisar a túa petición.

    De boas a primeiras a palabra «ghabalulo» coido que procede da guturalización/aspiración da súa primeira consoante. A etimoloxía podería ser esta:

    Ghabalulo>cabalulo/cabaludo>cabalo

    Así pois, trataríase dun adxectivo antigo, dada a súa modificación consoántica de raíz e pola súa terminación. O significado estaría relacionado co substantivo cabalo. Pola terminación que ten, debemos pensar en que é unha adxectivación pexorativa. A persoa que é ghabalula sería chamado así pola súa dentamia ou pola torpeza que o animal ten ás veces cando comeza a camiñar.

    Supoño que o arxentinismo que mencionas «Cabarulo» ha estar relacionado. Aínda hoxe hai pouco investigado entre a influenza da lingua galega no dialecto arxentino.

    Saudiña!

  8. Grazas pola achega, LuscoFusco 😉

    Ben sei da relación vella dos fonemas K-GH (aínda que algúns teimen en negar o carácter céltico da nosa gheada), pero aínda así hai cousas que non me cadran. Se un suposto *cabalulo deu en ghabalulo, por que cabalo non deu en *ghabalo? E por que -udo dá en -ulo? É esa trasformación frecuente no noso idioma? Que outros casos coñeces para estabeleceres esa posibilidade?

Deja una respuesta

Your email address will not be published.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Lo último de Cultura

Lo que sobra

Sobran carnicerías. Sobran publicistas, aviones, hoteles y bares. Sobran centros comerciales. Sobran coches, sobran muchos coches...

Posibilidades y deseos

En nuestras sociedades de la exuberancia y la tecnomagia estamos tan acostumbrados a confundir deseos y

Tecnoescepticismo

Frente a los mitos dominantes y peligrosos entorno a la Tecnología («cuanta más tecnología y más