///

Só podemos loitar contra o capitalismo creando xa unha alternativa

Cando escribo isto veño de escoitar as intervencións da asemblea que puxo fin ao Foro Social Galego. Quedoume claro o acordo xeral entre os movementos sociais galegos de que é preciso e urxente aproveitarmos a ventá de oportunidade que se abre a crise actual para pasarmos definitivamente á acción. Mais quero engadir algunha reflexión ao respecto, feita coa calma dunha mente xa algo máis descansada…

O cénit do petróleo e os outros sinais cada día máis patentes de que o sistema capitalista industrial comezou xa bater contra os límites do ecosistema planetario (no cal se nega irracionalmente a recoñecer integrado) fan preciso e urxente reprantexar todas as loitas contra o mesmo, partindo da nova constatación de que o inimigo se meteu só nun burato sen saída. E dado que non se pelexa da mesma maneira contra un inimigo acurralado que contra un que ten terreo de abondo para medrar e resistir calquera asedio, debemos repensar todas as nosas estratexias. Se o capitalimo vai rebentar el só, a nosa obriga é concentrar as forzas en crear en paralelo ou por baixo del, un sistema alternativo que forneza unha saída á sociedade cando descarrile o tren sen freos no que viaxa prisoneira, cando colapse este xigante con pes de piche.

Porque se non o facemos, ou se non o facemos a tempo, outros (i.e. os fascismos de toda caste) serán quen o fagan. E non podemos permitir que a humanidade salte da tixola para caer no lume. Xa que logo, é hora de poñer en marcha a urxente construción desoutro mundo diferente e necesario:

  • Creando outras relacións económicas: locais, horizontais, non capitalistas, baseadas en bancos de tempo e moedas complementarias, no cooperativismo e a autoxestión das empresas, e financiadas mediante a banca ética.
  • Creando outra educación: baseada en redes de formación alternativa e horizontal, universidades populares, universidades rurales, centros de conservación e trasmisión do saber tradicional (o realmente sustentable)…
  • Creando outro modo de vivir e consumir: consumo local, responsable, xusto; decrecemento para vivir mellor con menos para que máis poidan vivir…
  • Creando outras relacións sociais: outros mecanismos de solidariedade, mancomún, recuperación de valores e prácticas tradicionais de apoio mutuo…
  • Creando outra comunicación: mediante medios de comunicación alternativos en mans dos cidadáns e dos colectivos sociais…

Todo isto está xa en marcha ao redor de nós, apenas debemos inventar nada novo. Só debemos centrar os esforzos en darlles pulo, replicar e conectar as experiencias que xa existen, de tal xeito que cando o sistema capitalista caia pola súa propia irracionalidade e insustentabilidade, a xente teña a alternativa xa funcionando, como toda unha flota de lanchas salvavidas desde as que reconstruirmos a sociedade partindo doutros bimbios. Se non o facemos, seremos arrastrados por este Titanic, por este monstro agoniante, que afundirá para rexordir como un Leviatán aínda máis criminal.

2 Comments

  1. Alédame ver que xente coma Susan George ou Xosé Manuel Beiras reclaman accións no mesmo sentido:

    (…) suxiro a nivel nacional que os movementos sociais se unan e creen gobernos paralelos (…). Facermos unha asemblea de movementos sociais, habería propostas para cada ministerio, máis ou menos, de tal xeito que tivésemos un ministerio alternativo de transporte, enerxía, muller, o que for… E seguir reuníndose. Non suporía un grande orzamento algo así, pero os medios terían que acabar acostumándose a preguntar: ben, a ver que é o que o ministerio alternativo ten que dicir ao respecto… Cada vez que o Goberno faga un movemento, habería un contramovemento.

    Susan George

    (…Aínda que a idea de Susan George é máis unha estratexia comunicativa, moi interesante iso si, ca unha proposta de crear unha organización social real paralela, e só o propón como maneira de incidir nos medios e de aí no goberno e no Estado.)

    Hoxe hai unha dialéctica de contrarios absolutamente establecida, con dúas dinámicas de signo inverso, a da sociedade que se manifesta nos movementos e nos foros e a do poder e dos aparatos de Estado. O que está claro é que o deseño dos aparatos de Estado nacidos das revolucións liberais está obsoleto, é unha máscara de ferro ou un corsé que inmobiliza. Eu espero e desexo que os movementos sociais rachen con eses aparatos e deseñen outros totalmente distintos, ou poida que eses aparatos rematen afogandoo todo, e daquela chegarán os totalitarismos.

    Xosé Manuel Beiras

Deja una respuesta

Your email address will not be published.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Lo último de Economía

Lo que sobra

Sobran carnicerías. Sobran publicistas, aviones, hoteles y bares. Sobran centros comerciales. Sobran coches, sobran muchos coches...