///

Analfabetos electrónicos

Non me deixará de indignar nunca o atrevida que é a ignorancia dalgúns usuarios da Rede. Porque o que non me extraña é que haxa esa ignorancia, de feito estamos a meter a millóns de persoas nun novo sistema de comunicación sen a máis mínima preparación sobre os seus códigos. É como se de súpeto tivésemos que compartir as autoestradas con milleiros de condutores noveles e sen carnet ao volante de coches do trinque.

Os problemas xorden cando te atopas nas ciberestradas con algún destes neointernautas (ou non tan neos) e che rifa por ires pola dereita, ou por non o avisar dun troco de sentido malia teres ti marcado correctamente cun intermitente do cal o analfabeto descoñece o significado.

É aí cando o internauta veterán se alporiza e lle ferve a cabeza. Como a estas alturas temos que aturar que alguén nos diga cousas como: «a min non te me atrevas a esmiuzar a miña mensaxe cando ma respondas» ou «é moi maleducado copiares e pegares as miñas frases» cando un emprega o clásico e practiquísimo quoting no e-mail, ou terlle que explicar a un interlocutor que se contesta por riba das mensaxes que responde, vólvese unha tolemia manter unha conversa mediante e-mails sucesivos!!? Ou mesmo ter que recibir unha bronca porque un necio de funcionario non sabe interpretar o emoticono máis sinxelo?

Se é que non deberían vender coches a quen non demostrou saber as normas de circulación! >:-(

4 Comments

  1. A ignorancia dos analfabetos electrónicos non deixa de me sorprender: hoxe chegoume esta mensaxe dun co-listeiro e co-afiliado nunha asociación da que fago parte:

    Agradeceríache que deixases de utilizar todo o tipo de caralladas destas (:-D, ;-), etc.) na Lista […]. Aínda que a ti non cho pareza, denotan unha pronfunda falta de respecto que está a incomodar a moitos compañeiros e compañeiras das […], incluído, abofé, eu mesmo.

    Pídoche isto en mensaxe privada para non cho pedir na Lista […] nin dende a Directiva.

    É o cumio do analfabetismo! Esta mensaxe nun ton de advertencia ou aviso denota que nin o remitente nin eses supostos incomodados teñen a máis mínima idea do que son os emoticonos, para que serven e a súa recomendación dentro do contexto xeral da netiqueta. Manda carallo na Habana!

  2. O mellor é como chama aos emoticonos: «caralladas destas». Penso que habería que incorporalo aos dicionarios de xerga internética ;-P

  3. Aínda hai poucos días que outro internauta me reprochaba ese xeito tan «estraño» de responderme aos correos electrónicos… A túa forma de argumentar é complicada de seguir. Explícome: Desguazar o meu texto para introducir frases… Ou sexa, que me botaba en cara usar o quoting 😀

Deja una respuesta

Your email address will not be published.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Lo último de De Reflexionibus Reti