/

Euskadi: a democracia a proba

[Publicado en Vieiros o 10/04/2006]

Ate aquí

Comezarei repasando cómo chegamos ao momento actual de alto ao fogo de ETA. Os factores
que conduciron a el, apuntados por moi diversos analistas, inclúen: o
progresivo illamento social e político da banda, o debilitamento do seu
poder armado, os efectos psicosociais dos atentados yihadistas dos
últimos anos -nomeadamente o do 11 de Marzo-, a posibilidade que se
abriu neste contexto de facer da necesidade virtude, e o convencemento
interno da organización de que os postulados de sempre -que sen
normalización política non habería paz- comprían ser trocados polos que
recoñecían que en realidade sen paz primeiro non habería normalización
política. De feito, tal e como comenta o ex-líder do PSE Ramón Jáuregui, chegaron á conclusión de que se continuaban coa loita non farían outra cousa que botar a perder a súa propia causa política.


E así foi que chegamos ao momento do alto ao fogo e todos nos congratulamos, uns máis abertamente e outros menos. Tanto dentro coma fóra do País Vasco. E habédesme permitir unha digresión para expresar cánto lamentei a falta de consideración do presidente galego no seu comunicado oficial a conta do anuncio de ETA, que se non lembrou para nada, nun momento tan especial e tan emotivo, dos milleiros de
galegos que vivimos nestas terras vascas: obreiros, empresarios, concellais, periodistas, estudantes, gardas civís, erzañas… e ate membros e familiares de membros de ETA. Nós que vivimos o problema na primeira liña! E nin tan só unha mención nin unha lembranza especial para nós. Moitas veces semella que os galegos de Euskadi non existimos, pero non só para os dirixentes vascos: tampouco para os galegos. Pero vou arrombar esa nota de amargor naquel tempo de ledicia, para continuar coa análise da situación encarando o futuro que podemos albiscar.

Deica o final

O que todos nos preguntamos é.. e agora que? Agora que desapareceu ese nó gordiano da vida política na Vasconia -curiosa e simbolicamente desfeito por unha muller- coa implicación máis ou menos sutil de instancias vascas, españolas e internacionais… que é o que podemos esperar dos acontecementos? Evidentemente non unha volta atrás. E coido que tampouco unha futura aparición dunha ETA auténtica como apuntaba hai ben pouco un suposto experto francés (Stéphane Bethomet) no que máis semellaba un ataque de expertitis securitaria mediática que unha análise seria con coñecemento de causa …e da causa.

O que si se está vendo xa con claridade é a urxencia en formalizar unha folla de rota, por empregar o modismo, que concilie a impaciencia dunha sociedade que
xa agardou demasiado e perdeu demasiado sangue no camiño, coa inevitable cadencia que este tipo de cambios históricos precisa. Algúns lembran Agosto do 94 no Eire e din que nos pode quedar aínda tanto como
lles levou alá. Outros, precisamente desde o Eire (Gerry Adams), recoñecen que no caso vasco os ritmos poden ser outros e máis rápidos do que podería parecer. Aínda que haxa atrancos como o ingreso en prisión de líderes de Batasuna, feito que fixo remitir ao propio Adams unha carta a Rodríguez Zapatero expresándolle a súa preocupación ao respecto.

E o que está tamén claro -ou debería- é que a tregua non é a fin de ETA. E aínda que o fose, malia que a algúns lles pese e teimen en non o recoñecer, iso tampouco sería a fin do problema. Polo tanto será preciso desbrozar non só o camiño do abandono definitivo das armas nunha negociación ETA-Goberno español, senón que antes ou despois -algúns teñen moita présa, outros ningunha- haberá que meter tamén a machada nos toxos que tapan o paso a unha mesa de negociación política entre os partidos vascos para definiren, agora sen ameazas nin pistolas enriba da mesa -polo menos desa mesa-, un novo marco de convivencia para todos os cidadáns vascos.

E aquí son previsibles tantos ou máis problemas que na mesa para o desarme. Cando se falou de desarme naquelas famosas declaracións de Batasuna en Anoeta, falouse tamén de que este debía se dar por ambas as dúas partes, e iso quere dicir nin máis nin menos que cambios na presenza das forzas de seguridade estatais en Euskadi. E tamén entrará, por suposto, o crucial factor presos. Pero aí non é previsible un atranco insalvable, porque desde Patxi López ate as autoridades francesas recoñecen que calando as armas, é posible o achegamento daqueles a Euskal Herria. Así que fornecerlle desde o goberno español unha saída aceptable a ETA non debería ser a parte máis difícil da resolución do conflito: e máis nos vale porque -non sexamos inxenuos- se non existe acordo, ETA non se vai disolver só porque llelo esixa a outra parte.

Mais non é aí onde eu vexo que se ha dar ese verdadeiro test da calidade democrática do sistema político español, senón na mesa de partidos. Os primeiros movementos na carreira cara á mesa estanse a producir agora mesmo: solicitudes apremiantes de Esker Batua ou de Eusko Alkartasuna, prazos fixados por uns e por outros, globos sonda, regateos, saídas en falso, desmarques, demarraxes, manifestacións multitudinarias como a que o día 1 de Abril percorreu Bilbao baixo o lema «Konponbide Garaia» (Tempo de acordo)… Pero aquí antes sentaren o cu á mesa, vai haber que solucionar dous problemas de fondo: a ilegalidade de Batasuna e polo tanto a súa incapacidade para participar oficialmente, e a negativa rotunda do PP (porque o PSE aínda non está de todo claro, pero imos supoñer que estará polo labor) a se sentaren a falar de nada. Sobre o concepto mesmo desta mesa, a súa necesidade, a súa lexitimidade, os seus obxectivos… e a validez que teña a proposta que dela saia, sobrevoan
as cuestións que están no núcleo do problema: o recoñecemento da existencia dun conflito político, as ruindades antidemocráticas de quen queira sacar proveito partidista, o respecto das instancias representativas españolas ás decisións tomadas en Euscadi, e a redefinición da soberanía e os dereitos colectivos… ate chegarmos a concretar todo iso nunha cuestión crítica: a autodeterminación
(ou como din agora eufemisiticamente: «o dereito da sociedade vasca a decidir libre e democraticamente o seu futuro»). Todos eles factores cos que se vai auto-examinar a democracia vasca e española.
Veremos se reabrir o debate -sempre eludido coa excusa da existencia de ETA- encol da relación entre Euscadi e España (sumando as relacións satélite Euscadi-Navarra e Euscadi-País Vasco-francés). E dese debate e de cómo se retrate nel cada forza político deberemos tomar boa nota todos.

Haberá unidade de acción nacionalista? Xogará Esker Batua-Izquierda Unida unha función de ponte coa súa valiosa característica de forza que aposta pola unidade do Estado español pero aínda así autodeterminista e confederalista? Estará disposta María San Gil e se sentar na mesma mesma ou simplemente estar no mesmo cuarto que Arnaldo Otegi? O que está claro é que a as armas calaron, a xente tamén comezou a súa particular, cotiá e vital tregua… e o que non perdoaríamos á clase política é que desperdiciase esta oportunidade por tentar sacar proveitos particulares ou por se enrocar en posturas maximalistas e fosilizadas. Así que non se habían entender posibles cambadelas do PP, nin teimosías xacobinas no PSOE, nin solucións unilaterais estilo Lizarra-Garazi. Cando escoitamos que ate o goberno francés, paradigma do centralismo, recoñeceu que era posible unha modificación do status
do eusqueera dentro do seu territorio e mesmo abrir a porta a un departamento propio para Iparralde, dámonos conta de ate qué punto é posible e probable unha solución definitiva máis ou menos satisfactoria
para máis ou menos todo o mundo. E canto máis posible, máis incomprensible sería o fracaso do sistema en conseguilo.

Deja una respuesta

Your email address will not be published.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Lo último de En galego