Penélope

Un paso adiante e outro atrás. Galiza,
e a tea dos teus sonos non se move.
A esperanza nos teus ollos se espreguiza.
Aran os bois e chove.
Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mol coma unha uva.
Pro ti envólveste en sabas de mil anos,
e en soños volves escoitar a chuva.
Traerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Sulco vai, sulco ven. Xesús Maria!,
e toda cousa ha de pagar seu dezmo.
Desorballando os prados como sono,
o tempo vai de Praga a Pastoriza.
Vaise enterrando, sulco a sulco, o outono.
Un paso adiante e outro atrás. Galiza!

[ Xosé María Díaz Castro ]


Leave a Reply