Hei de camiñar contigo

Hei de camiñar contigo
nas praias esquecidas,
onde o mar deitou
o teu corpo cheo da sal
na que se convertiron
os teus soños.

Hei de soster a túa man
de tremente pau
namentras che devora
os teus derradeiros días
unha doenza
curable cun papel.

Hei de chorar contigo
a morte do teu fillo pequeno,
tan chea de pó
entre as ruinas
do teu país afogado.

Hei de escoitar
a túa canción
triste e negra
con sabor a alcohol
e desesperación
baixo o neón
nas beirarrúas
da opulencia.

Hei de bicar
as túas feridas
cando che deixen de sangrar
nesa suxa mesa
onde inmóvil xa agardas
a fosa sen nome,
a túa derradeira humillación.

Hei de esperar no mencer
cando volvas
co teu miúdo corpo
coberto do suor dos homes
a te afundir na néboa
do esquecemento imposible.

Hei de ficar cos teus antergos
cando te extirpen
da túa terra
e te abaondoen
nas fauces de Babilonia.

Hei de contar contigo
as horas roubadas
cando carrexes o ouro
dos teus amos
e vexas desecarse ate a morte
a forza do teu sorriso.

Hei de estar contigo
para lembrar que o teu nome
non é outro có meu.

[Casdeiro. 2006-09-01]

Creative Commons License

Texto reproducible según los términos de la licencia de Creative Commons


Leave a Reply